Denuncian novos danos da industria do eucalipto no Castro de Celeiro de Mariñaos

Imaxe: Mariña Patrimonio

Adega e Mariña Patrimonio presentaron denuncia perante o Seprona.

As organizacións Adega e Mariña Patrimonio presentaron perante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) unha nova denuncia por posíbeis danos ocasionados  no xacemento protexido dos Castros, situado no concello de Barreiros, na costa luguesa.

 

Na parcela afectada realizáronse distintas intervencións, con importantes remocións de terras para a repoboación con novas plantas de eucalipto. Todo indica que as intervencións levadas a cabo neste ben patrimonial non contaron coa preceptiva autorización de Patrimonio e, polo tanto, indican estas asociacións, “estariamos a falar de accións presuntamente ilegais que puideron danar gravemente un ben patrimonial protexido pola lei”.

 

As infraccións en materia de patrimonio poden ser sancionadas con multas de 300 a 6000 euros, as infraccións leves; de 6001 a 150000 euros, as consideradas graves; e de 150001 a 1millón de euros as moi graves. Polo que é recomendable que calquera intervención sobre un xacemento arqueolóxico protexido, conte coa autorización previa do Servizo de Patrimonio.