Unha delegación denunciará en Bruxelas a destrución do patrimonio pola industria do eucalipto

Manuel Miranda e Lidia Senra

A proposta da eurodeputada Lidia Senra, 34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo para dar a coñecer o “desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos”.

O eucalipto tamén está no punto de mira en Galiza polos seus prexuízos sobre o patrimonio. Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, acusa a industria celulosa do eucalipto de estar a provocar unha grave destrución do patrimonio arqueolóxico en Galiza, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”.

 

“A Xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dua industria celulosa” (Manuel Miranda)

 

Miranda realizou estas declaracións na presentación da iniciativa que, impulsada pola eurodeputada Lidia Senra, levará esta denuncia ao Parlamento Europeo. Un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro.

 

Senra explicou que a visita foi pensada tendo en conta que o próximo ano, 2018, será declarado pola UE como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. “Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo. Así, Senra reclamou que o eucalipto sexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que isto sexa posible.

 

“Cando un monocultivo se implanta a biodiversidade pérdese. Estamos falando de que está en perigo o futuro de toda a sociedade, non só de catro empresas multinacionais que se lucran de poñer o país a monocultivo de eucalipto” (Lidia Senra)

 

Diversos encontros

 

Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada

 

Miranda indicou que “a Xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

 

Na delegación haberá representantes do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.