Denuncian as condicións do Conservatorio Profesional de Música de Ribeira

Detalle dunha das paredes intriores do conservatorio municipal de Ribeira.
O claustro docente do centro censura a falta de planificación do curso e a situación na que se atopan as instalacións nas que imparten as aulas de música á rapazada da comarca do Barbanza.

"A menos de dous meses para o inicio dun novo curso, descoñecemos se as instalacións van a ser melloradas ou non, non sabemos se imos contar por fin cun especialista para as aulas de iniciación musical, nin sabemos que condicións laborais teremos nos nosos contratos".

Con estas palabras, o claustro de mestres do conservatorio municipal Enrique Paisal de Ribeira apela á responsabilidade da Administración local para "arranxar a situación e coidar do bo funcionamento do conservatorio".

Conservatorio Profesional de Música

Segundo expoñen nun comunicado dirixido aos medios de comunicación, desde a súa constitución como Conservatorio Profesional de Música en 2004 o centro acadou grandes logros no ámbito académico, mais nos últimos anos acusou un enorme desgaste que afecta ás instalacións, ás aulas de iniciación á música  e aos contratos do profesorado.

Dunha banda denuncian que o edificio no que se localiza o conservatorio "non está pensado para albergar un centro educativo e moito menos un conservatorio". Láianse de humidades "imposíbeis de atallar", mal illamento e nula insonorización que obriga a desenvolver a actividade formativa en condicións "insalubres".

Sen iniciación musical

Doutra, sinalan a perda "hai tres anos" das aulas de iniciación á música. Un servizo imprescindíbel para o alumnado menor de seis anos cuxa recuperación cualifican de "vital importancia" para a supervivencia do centro e maior beneficio da rapazada.

Por último, defenden unha mellora educativa que pasa, din, "por diminuír as ratios nas aulas das materias colectivas, ser coherentes á hora de agrupar instrumentos atendendo a criterios de afinidade musical e non a necesidades horarias e ampliar o currículo formativo que oferta o conservatorio".

Falta de horas nos contratos do profesorado

Mais para isto, os contratos do profesorado actual deben aumentar as súas horas, e non fiar a ampliación horaria á vocación do persoal docente, que xa vén traballando as horas requiridas "sen retribución nin cotización pertinentes”, poñendo por diante do seu propio beneficio “o do alumnado e a súa formación".

Por todo isto, incide o claustro, "solicitamos os apoios precisos desde o Concello de Ribeira para poder seguir remando no bo camiño".