Comarcas do Ribeiro e O Carballiño

Denuncian unha concesión mineira sen declaración de impacto ambiental

Contaminación mineira no río Portapego ao seu paso por Touro (Salvemos Cabanas/Europa Press).
Colectivos contra a minaría destrutiva na Galiza sinalan a concesión dun proxecto de explotación no linde das comarcas do Ribeiro, O Carballiño e Tabeirós libre de avaliación de impacto medioambiental. Advirten do risco de contaminación e afundimento dos terreos e pídenlle á Xunta que rectifique.

A rede galega de colectivos en contra da minaría destrutiva, ContraMINAcción, alerta da posta en marcha dun proxecto de explotación mineira nos concellos de Avión e Beariz, nas comarcas do Ribeiro e O Carballiño, que tentan levar adiante "sen a preceptiva Avaliación de Impacto Ambiental". Segundo denuncia, os promotores do xacemento pretenden valerse da fragmentación artificial do proxecto para sortear o trámite ambiental, cando da memoria presentada pola empresa concesionaria se deduce "a intención de ampliar a explotación ao longo do tempo", unha práctica habitual das mineiras que a Xunta da Galiza ven permitindo de maneira ilegal, incide ContraMINAcción nun comunicado.

A concesión mineira de explotación do permiso de investigación Alberta I nas proximidades dos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón está en fase de tramitación. A empresa descarta a Avaliación de Impacto Ambiental malia que a lei galega exixe este requisito sempre que os proxectos mineiros se atopen a menos dun quilómetro de núcleos urbanos e poidan supoñer un risco para o progresivo afundimento dos terreos.

Advertencias previas

O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, nun informe sobre o alcance do estudo ambiental dunha solicitude de explotación anterior que comprendía parcialmente o mesmo permiso de investigación xa alertara sobre os riscos de subsidencia pola proximidade de núcleos habitados e da formación de augas ácidas de minas, declarando a necesidade de someter o proxecto ao trámite da avaliación de impacto ambiental e social.

Na mesma liña, a Sociedade Galega de Historia Natural tamén solicitara para esa fase inicial do proxecto, na comarca de Tabeirós, un estudo ambiental que avaliase "con rigor a presenza de elementos radioactivos asociados aos minerais que se pretenden explotar", unha solicitude que reiteran agora desde ContraMINAcción, "que se estuden os impactos das drenaxes ácidas e da radiación asociada aos minerais explotados, e que se avalíen os riscos de afundimento e se estabelezan as medidas necesarios para evitalos".

Minerais radioactivos 

A rede ContraMINAcción contra a minaría destrutiva na Galiza, mantén que a xefatura da Sección de Avaliación Ambiental "obvia" a presenza de vivendas a menos de 300 metros da zona de explotación e tamén o risco de produción de augas ácidas das minas. "Estas augas potencialmente ácidas", explican, poderían disolver os metais presentes en grandes concentracións -arsénico, cobre, ferro, chumbo e cinc- contaminando as augas".

O proxecto só contempla a devolución das augas "limpas" ao leito, unha declaración "falaz", aseguran, xa que non chega a estabelecer medidas preventivas "que deberan ser obrigatorias". A posíbel presenza de elementos radioactivos como o rubidio ou o cesio, din; extraídos, triturados, almacenados e suxeitos á disolución e á inxección nos leitos superficiais porían en risco os acuíferos e a poboación da contorna.