Denuncian un novo "colapso aínda sen solucionar totalmente" das urxencias do Chuac

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Nós Diario)
Critican que a Xerencia do hospital non reforzase os servizos sanitarios con máis persoal.

A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) vén de denunciar a situación de "colapso" e "saturación" que se viviu no servizo de urxencias esta segunda feira, e que aínda hoxe "non foi solucionado totalmente".

Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, a comisión detalla que "está habendo un incremento importante no volume de entrada de pacientes no servizo, o que leva que teñan que esperar mais tempo do estimado en poder ser valorados por un/unha médico/-a, co risco que isto supón para a poboación".

Tal e como explica o comunicado, "as entradas no servizo de urxencias deben ser áxiles para que se poida valorar a gravidade dos pacientes e así darlle a atención correcta". Porén, a comisión denuncia que, cando o volume de entrada "é tan alto e sen aumento de profesionais", é "inviábel que isto se poida facer "con seguridade para o paciente".

"A Xerencia ten que ter un plan de actuación", critica o escrito, que sinala que é necesario aumentar o número de profesionais sanitarios para poder garantir unha "atención adecuada".

Aumento da carga asistencial

O Comité de Centro do Chuac denuncia que, debido á falta de sanitarios no verán para cubrir baixas e vacacións, os facultativos que seguen a traballar están "obrigados a incrementar a súa xornada", o que, "sumado a elevada carga de traballo actual, fai que se vexa comprometida a súa propia saúde".

O comunicado lamenta que o déficit de profesionais non afecta só ás urxencias, senón que tamén a outros servizos, polo que, "pese a que hai posibilidades de contratación", a carga asistencial segue a aumentar para todos e todas as profesionais da sanidade pública galega.

Neste sentido, a Comisión de Centro do Chuac critica que a Xerencia do hospital non reforzase os servizos con profesionais de ningunha categoría, o que provoca que os facultativos atendan o triplo de pacientes que en condicións normais.