Denuncian en Cervo a "destrución" de Atención Primaria na Mariña
Unhas trescentas persoas, segundo as comnvocantes, concentráronse en Cervo en demanda de médicos de familia "todos os días e durante a quenda completa".
A concentración, convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña, denunciou que desde que o pasado día 15 de xullo o consultorio de Cervo (A Mariña) está sen médico de familia, tras a renuncia ao contrato da persoa que ocupaba ese posto de traballo.
Por este motivo esta quinta feira houbo unha soa médica para atender as máis de catro mil persoas que ten o concello máis as persoas desprazadas e a poboación flotante asentada e non empadroada.
Segundo manifesta a coordinadora do colectivo sanitario, Montse Porteiro, non se está a garantir a asistencia sanitaria desde hai moito tempo desde o momento en que para unha atención sanitaria ordinaria tes unha agarda superior a 48 horas, e de 24 horas para a atención urxente, polo que a situación que está a atravesar Cervo "pode definirse como de catástrofe sanitaria”.
Desde este colectivo exixen que se garanta a sanidade “de forma inmediata”, instando tamén á súa alcaldesa a que se poña “do lado do seu pobo en vez de trasladarlle as falacias que todos os días nos contan o conselleiro e o xerente da área sanitaria".
Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña afirman que seguirán denunciando e mobilizándose mentres “exista unha situación de déficit de atención sanitaria”.