A Atención Primaria, ao bordo do colapso nas áreas turísticas da Galiza litoral
A Atención Primaria afronta unha tormenta perfecta nas comarcas con máis presión turística. Á negativa da Xunta a cubrir as baixas provocadas polas vacacións de verán dos profesionais nuns cadros de persoal xa moi reducidos polos recortes, súmase o aumento da poboación derivada da tempada estival.
Ribeira, na comarca do Barbanza, acolleu na xornada de onte unha mobilización para demandar á Xunta da Galiza que cubra as vacantes de Medicina no ambulatorio da localidade. Neste momento, das 14 prazas de persoal médico só hai unha sen atender, mais a Consellaría de Sanidade non ten previsto cubrir as baixas derivadas das vacacións do persoal sanitario. Neste sentido, a pediatra no Hospital do Barbanza, en Ribeira, e voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da comarca, Marián Rodríguez, alerta, en declaracións a Nós Diario, de que "a maiores das baixas por vacacións no mes de agosto pode haber tres vacantes máis".
"A nosa é unha zona de veraneo", explica Rodríguez, quen indica que "moita xente da que vén aquí ten unha segunda residencia e pasa todo o verán, non só uns días. Aquí vén xente maior que está con Sintrom e ten que seguir cos controis. Hai xente con doenzas crónicas que precisa estar atendida durante este tempo". Tanto é así, que o concello de Ribeira incrementa a súa poboación en perto de 20.000 persoas; o de Rianxo aumenta os seus habitantes nunha cifra que se aproxima ás 6.000 persoas e o concello de Boiro faino en case 12.000.
O Salnés é unha das comarcas con maior presión turística da Galiza. Só o concello de Sanxenxo multiplica a súa poboación por máis de catro, pasando de perto de 18.000 habitantes a máis de 80.000 na tempada estival, coincidindo este incremento dos residentes cunha redución do persoal sanitario. A este respecto, a voceira de SOS Sanidade Pública en Sanxenxo, Ana Camiña, apunta a Nós Diario que "este aumento da poboación ten un impacto no conxunto do sistema de saúde da área de Pontevedra".
"Este ano vai ser igual de malo que os anteriores. Non hai ningún interese en resolver os problemas da Atención Primaria e da sanidade pública", indica Camiña, quen denuncia que "os tempos de espera para lograr unha cita médica no Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar alcanzan nalgún caso os 25 días e non son inferiores a 10". Na mesma dirección, desvela que “o centro de saúde de Vilalonga só dispón de un médico, malia que hai creadas dúas prazas", sendo neste caso o período de agarda para unha consulta superior a 15 días.
Tempo de espera
Os tempos de espera en Atención Primaria son, tamén, moi elevados na Mariña. Neste sentido, o presidente da Xunta de Persoal do Hospital da Mariña, en Burela, Adolfo Corral, explica a Nós Diario que "se está normalizando que che dean cita para Atención Primaria 20 ou 30 días despois de tela solicitado cando non hai tantos anos que cha daban no mesmo día”. Porén, o período de agarda é maior na tempada estival, onde Viveiro alcanza os 25.000 residentes, 10.000 mais que no resto do ano e Foz supera os 30.000, ao redor de 20.000 mais que os censados.
Situación "límite"
"A situación en Atención Primaria é límite", indica Corral, quen destaca que "no centro de saúde de Viveiro están sen cubrir catro das 10 prazas de persoal médico, entre elas todas as da quenda de tarde". Neste punto, lembra que concellos como O Vicedo "carecen de médico" e "a falta de fisioterapeutas está provocando tempos de agarda de dous anos".
A situación non é mellor na comarca do Morrazo. Mentres Moaña, cuxa veciñanza se mobilizou onte en Vigo, continúa sen recuperar o servizo de Urxencias suprimido polo Goberno galego en 2020, o aumento da poboación derivado do turismo pon ao limite a Atención Primaria en Cangas. Neste sentido, a alcaldesa da localidade, Araceli Xestido, reclama, en declaracións a Nós Diario, que "o reforzo sanitario de verán debe ser directamente proporcional ao incremento da poboación que experimenta Cangas nesta época do ano, e que este reforzo se inclúa de forma específica un aumento nos servizos de ambulancia".
Falta de persoal
O Sindicato Médico de Galicia (Simega) culpou onte o Goberno galego da falta de persoal médico nos centros de Atención Primaria. Neste sentido, demandou ao Executivo mellorar "as condicións laborais dos facultativos para evitar a súa marcha a outros destinos mellor remunerados". A este respecto, denunciou que a decisión do Sergas de seguir "espremendo" os facultativos de "dentro fará cada vez máis difícil a captación de profesionais".
Tamén a federación da Saúde da CIG alertou dos problemas que "está xerando a Xunta da Galiza" durante o verán no sistema sanitario, en relación a "unha planificación estival baseada no feche sistemático de camas nos hospitais públicos, sen realizar unha avaliación seria do impacto que esta medida ten sobre a atención sanitaria". A este respecto, asegurou que "se fechan camas médicas sen ter en conta as consecuencias que iso supón para a atención urxente e o ingreso de doentes”.
As rendas baixas agardan máis por unha cita médica
Un estudo elaborado pola Cadena Ser e difundido esta cuarta feira certifica que Galiza é a comunidade do Estado onde máis diferenza de tempo existe para conseguir unha cita en Atención Primaria en función da renda. Neste sentido, o informe conclúe que as persoas residentes en áreas de renda alta agardan de media para acceder a unha consulta no seu centro de saúde 2,4 días menos que aquelas cuxo domicilio está emprazado nunha zona de renda da baixa.
O relatorio desvela que Vigo é a segunda cidade do Estado cunha poboación de máis de 75.000 habitantes onte a fenda é máis elevada. Así, a poboación dos barrios con rendas máis elevadas acceden a unha consulta en Atención Primaria 5,7 días antes que aquela que reside nas áreas economicamente máis desfavorecidas. Mentres as persoas residentes nos barrios de máis renda agardan de media 2 días, aquelas que viven nas zonas mais empobrecidas esperan de media 8 días.
As razóns destas diferenzas hai que buscalas en que as persoas de menor renda son máis dependentes da sanidade pública e aquelas con maiores ingresos contan con medios económicos para recorrer á sanidade privada, cada día máis presente nas áreas urbanas, o que favorece unha asistencia sanitaria máis rápida.


