Denuncian en Bruxelas as "manipulacións" do Estado sobre o sinistro de Angrois

Unha delegación da plataforma de vítimas de Angrois xa denunciara perante a Comisión Europea esta cuestión (Foto: Nós Diario).
O BNG vén de trasladar esta cuestión ao ente comunitario.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, vén de trasladar á Comisión Europea -a través da coalición da que forma parte o Bloque en Bruxelas- as "manipulacións realizadas polo Ministerio de Fomento en 2016 a respecto da presión exercida no Executivo comunitario para que non se coñecese o contido do informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea (ERA) sobre as causas do accidente de Angrois".

Esas "manipulacións" que traslada o BNG á Comisión Europea, asegura a formación, "defendían a versión oficial que culpaba ao maquinista e intentaban que a UE non revelase un informe crítico coa investigación oficial realizada pola CIAF", tal e como difundiron nesta segunda feira diferentes medios de comunicación.

"Estamos diante dunha vulgar manipulación por puro cálculo electoral", manifesta Miranda, en referencia á "coincidencia no tempo" das manobras realizadas por Fomento entre maio e xuño de 2016 e as eleccións xerais dese ano, celebradas o 26 de xuño.

Nese momento, sinala, "as alegacións do Goberno español supuxeron o retraso do informe durante máis dun ano, igual que nos últimos anos a pandemia serve de escusa para xustificar o retraso no cumprimento do plan de acción de seguridade ferroviaria que esixe o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra o Estado español", salienta.

Miranda lembra que o procedemento de infracción foi aberto pola Comisión Europea contra o Estado español en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria tras a denuncia presentada polo BNG nas institucións europeas.

"Queremos saber que ten pensado facer a Comisión Europea para que o goberno español cumpra a normativa europea e evitar que volva suceder outro accidente de consecuencias tan graves", apunta a portavoz do Bloque en Europa.

Tres anos de parálise

"O papel dos sucesivos gobernos españois a respecto do accidente de Angrois e a investigación é vergoñento. Van xa tres anos agardando a que o Estado español poña en marcha o plan de acción correspondente ao procedemento de infracción e van xa tres anos de escusas, pero tamén é tempo de que a Comisión se poña as pilas e reclame actuacións claras", subliña Ana Miranda.

"Nin ás vítimas nin ao BNG nos chega coas preocupacións expresadas na carta de emprazamento e relacionadas coa correcta execución da Directiva 2004/49/CE de seguridade ferroviaria. A estas alturas é un insulto á intelixencia que non teñamos enriba da mesa unha investigación independente do accidente porque PP e PSOE queren ocultar as súas miserias", conclúe.