Denuncian ameazas da policía a un xornalista que cubría protesto contra despexos en A Coruña

 "Para nós, ti non és prensa" afirman desde Galizacontrainfo que lle dixeron os antidisturbios a un fotógrafo colaborador seu cando acreditou que era xornalista. Afirman que lle ameazaron con multas ou mesmo lle levar o material de traballo

Segundo vén de denunciar Galizacontrainfo, un dos seus compañeiros foi ameazado por antidisturbios da Policía Nacional mentres cubría o protesto contra os inminentes despexos na Coruña que poden deixar na rúa a trece familias.

Segundo esta plataforma, esta persoa foi identificada polos axentes, “e ameazado con ser denunciado e multado se sacaba fotografías nas que apareceran policías”.

O relato de Gzcontrainfo afirma que “aínda que se identificou como xornalista, que estaba a facer o seu traballo, os antidistubios deixaron claro que "para nós, ti non és prensa". Foi ameazado con que lle sustraerían o seu material fotográfico, pero non o fixeron porque "non nos apetece e pode que nos denunciaras por coacción e ameazas".