O xuíz autoriza o desafiuzamento de familias no ofimático que impulsa o concello da Coruña

Veciños ofimático

Unhas trinta persoas manifestáronse na Coruña, como todas as sextas feiras, contra os inminentes despexos que poden deixar na rúa a trece familias, que culparon a PP e PSOE entre unha desmedida vixilancia policial.

 

Enganadas nunha das pelotadas dos tempos de Francisco Vázquez que o estoupido da burbulla converteu en aínda maior desastre, trece familias dos lugares de Eirís e Elviña-Castro na Coruña viven estes días baixo o drama de saber que en calquera momento pode aparecer nas súas vivendas a policía para as desafiuzar e dar paso á piqueta que vai construír o chamado Parque Ofimático, outra urbanización nunha cidade como A Coruña, cun enorme excedente de pisos baleiros.

Após o xuíz autorizar os lanzamentos que pediu o propio goberno local -que decorrerán este mes ou como moito o que vén-, @s veciñ@s, a maioría de avanzada idade, comezan a preparar apelacións á vez que non descoidan a protesta na rúa, para a que están contando co apoio de activistas da plataforma Stop Desafiuzamentos. Así, como cada sexta feira, @s afectad@s e solidari@s manifestáronse pola zona afectada en número dunhas trinta persoas, que berraron contra o PP e o PSOE local, con especiais referencias ao alcalde Carlos Negreira por parte popular e á ex concelleira de Urbanismo e actual líder local Mar Barcón por parte socialista. Tamén houbo consignas contra Feijóo ou Rajoy.

A marcha foi vixiada por un desmedido operativo policial, que superaba en número aos manifestantes. A semana pasada, os axentes impediron o normal desenvolvemento da protesta, á que nesta ocasión se lle impuxo unha nova ruta que intenta impedir que a mobilización sexa vista polos milleiros de persoas que a esa hora ateigan a estrada de saída da cidade en A Vedra.