Denuncian que 4.000 granxas poden ficar sen axudas agroambientais a partir do ano próximo

O período de vixencia da PAC remata en 2020.
Nun comunicado, o Sindicato Labrego Galego (SLG) advirte que representantes da Consellería de Medio Rural informaron nunha reunión co sector de que a Xunta de Galiza rematará coas axudas agroambientais das que se benefician ao redor de 4.000 granxas no país, principalmente en zonas de Lugo e da montaña ourensá.

“Hai necesidades sen atender e fondos que se perden”, advirte Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG a Sermos Galiza. “Xa nos pasou. E agora pode volver suceder porque a nova PAC está no ar e a Xunta non fai nada cando noutras comunidades están a preparar plans para o período transitorio”. 

A PAC rexe para o período 2014-2020. As negociacións en Europa retomaranse en novembro. Polo de agora, non hai nin calendario nin orzamentos, temporalmente conxelados. Fronte a esa incerteza, di o SLG, “faise necesario que sexa a propia Consellaría de Medio Rural a que adiante os cartos das axudas para 2020 e 2021 de cara a garantir a súa continuidade. En Castela e León, por exemplo, crearon unha partida extraordinaria de 56 millóns de euros para facelo”.

Hai uns días, nunha reunión con gandeiros en Meira, conta Isabel Vilalba, responsábeis de Medio Rural advertiron que a Xunta ten a intención de rematar coas axudas agroambientais “e utilizaron o argumento de que o sector non as demanda, que non hai interese”.

“É radicalmente falso”, protesta a sindicalista, “o interese do sector consta en acta no Consello Agrario”. “Non sei se é desidia ou neglixencia, pero se no anterior período houbo partidas nas que se perderon 50 millóns de euros, as axudas están conxeladas e o remate do período está próximo, é indispensábel redactar un plan transitorio e dispoñer fondos propios”.

As axudas agroambientais repercuten en explotacións ecolóxicas, de razas autóctonas, de pastoreo e en granxas en zonas desfavorecidas. Son vitais para a subsistencia da produción. As granxas cobran de media entre 3.000 e 4.000 euros ao ano en axudas agroambientais.

Orzamentos sen executar


O malestar no sector primario co desempeño da consellería non para aí. Isabel Vilalba avanza que os datos de execución orzamentaria de 2018 publicados polo Consello de Contas informan de que do total de gasto previsto polo departamento de Jesús González quedou sen investir 22,5% do previsto. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) deixou sen executar practicamente a metade do seu orzamento. O Fondo de Orientación Agraria tamén deixou sen gastar 7% do previsto. E nas partidas de actuacións no medio rural ficou algo máis do 20% na caixa, e 23% nas destinadas a dinamización económica do rural.