Denunciado un veciño de Arbo como suposto autor de catro incendios no municipio

Incendio en Arbo (A Paradanta) o pasado 3 de agosto de 2022. (Foto: Incendios Galiza)

A “actividade incendiaria destacábel” da zona levantou as sospeitas da Garda Civil.

A Garda Civil identificou un veciño de Arbo (comarca da Paradanta), de 30 anos de idade e con antecedentes penais, como suposto autor de catro incendios forestais neste municipio, rexistrados entre febreiro e marzo deste ano.

Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra, os axentes intensificaron a vixilancia en zonas de monte deste termo municipal, debido a que no pasado ano sufriran "unha actividade incendiaria destacábel".

No marco desta vixilancia, identificouse plenamente ao autor dun dos lumes, ao que logo se lle atribuíron outros tres incendios, ao coincidir zona, motivación e modus operandi.

A investigación foi levada a cabo por efectivos do Seprona de Ponteareas (O Condado), Garda Civil de Arbo e pola Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta da Galiza.

O veciño identificado e denunciado como suposto autor dos feitos ten antecedentes policiais e penais. As dilixencias serán postas ao dispor do xulgado de garda de Ponteareas.