Os bombeiros comarcais de todo o país plántanse e irán á folga indefinida

Reclaman que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos: "As administracións pedíronnos que non denunciásemos, que o ían a facer de 'motu proprio', e ano e medio despois seguimos esperando".
Os bombeiros reuníronse esta segunda feira en Santiago (Foto: Arxina).
photo_camera Os bombeiros reuníronse esta segunda feira en Santiago. (Foto: Arxina)

Os bombeiros comarcais de toda Galiza irán a unha folga indefinida ás portas do verán para reclamar que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos, á vez que demandan un convenio galego coas mesmas condicións para os traballadores. Esta segunda feira, máis de 200 bombeiros reunidos en asemblea —decorrida no edificio Cersia de Santiago— votaron por unanimidade, a man alzada, a proposta de ir á folga. Están convocados perto de 500 bombeiros dos arredor de 25 parques comarcais existentes no país que se dedican a labores como incendios urbanos, accidentes ou apoio en lumes forestais de interfaz —aqueles nos que hai risco para inmóbeis—.

En declaracións aos medios, o portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros da Galiza, Ángel Moldes (CIG), sinala que se toma esta decisión "vendo que non hai avance ningún" nas mesas de negociación abertas nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo, "sen que se cumpra coa sentenza do Supremo". "As administracións pedíronnos que non denunciásemos, que o ían a facer de motu proprio, e ano e medio despois seguimos esperando", lamenta.

Así, Moldes apunta que nas mesas de negociación abertas "supeditábase ese cambio legal", que "é unha doutrina do Supremo, á firma dun convenio por baixo do que se tiña e unha RPT (relación de postos de traballo) ilegal para todos os efectos". "Co cal, pretendemos desvinculalo, que o acaten, e logo negociaremos o que teñamos que negociar", agrega.

A mesa intersindical de bombeiros está conformada por CIG, Comisións Obreiras, UXT e o sindicato independente de bombeiros, aínda que tamén conta con delegados de CSIF e USO. A folga comezarán dentro duns dez días, en función do límite legal estabelecido polo rexistro da convocatoria.

Mesa de negociación

De tal forma, "a idea é presentar unha negociación de convenio único á Xunta da Galiza; o director xeral [de Emerxencias] xa en maio do ano pasado dixo que, en canto estivesen os catro consorcios en xestión directa, negociaríanse unhas condicións para igualar os postos de traballo de cada un dos bombeiros, independentemente de en que provincia traballen".

Con todo, este portavoz dos bombeiros comarcais lembra que a reivindicación "non é só contra a Xunta", xa que os consorcios están xestionados a 50% por Goberno galego e deputacións. "Tomaremos as medidas que teñamos que tomar en función de que administración nos poña paus nas rodas", avisa. A desconvocatoria da folga pasaría pola execución da sentenza do Supremo para a conversión a persoal laboral fixo e pola negociación dun convenio galego coas catro deputacións e a Xunta.

Folga "á xaponesa"

O feito é que os bombeiros comarcais farán "folga á xaponesa", é dicir, traballarán "todos" na súa quenda, e significará que "non vaian quitando xente segundo lles vaia parecendo das quendas". Pero Moldes censura que as administracións "nin cumpren os seus servizos mínimos", pois hai parques con quendas de tres persoas, o que supón non chegar ao mínimo que os traballadores cren necesario para realizar a súa tarefa, xa que advirten de que se necesitan cinco persoas por parque.

En Pontevedra, onde xa están en folga os bombeiros do Salnés, os servizos mínimos decretados son o calendario laboral anual, 100% fixado nestes casos de emerxencias. Cada bombeiro galego realiza 1.800 horas anuais en lugar das 1.642 do persoal público, relata Moldes. Agora, os bombeiros comarcais sopesan convocar unha manifestación proximamente. "Tomaremos as medidas de presión, irán in crescendo segundo as vaiamos necesitando", apostila.

Verán "complicado"

Igualmente, Ángel Moldes espera que as administracións "chamen a negociar", porque "se non, este verán vai ser complicado sen bombeiros para botar unha man nos incendios forestais". Aínda que os bombeiros comarcais non teñen como función asignada os incendios forestais, "sempre se bota man" deles, "aínda que só sexa para dar auga aos compañeiros forestais". "Sempre traballamos, en Chandebrito traballouse e o ano pasado fíxose quendas de traballo de 24 horas en todos os consorcios provinciais cando ardeu O Courel, con todos os bombeiros que estaban de días libres, e iso non vai pasar", alerta.

Comentarios