Denunciada a directora de DomusVi Chantada por “agresión, coacción e ameazas” a un residente

Residencia de DomusVi en Chantada. (Foto: Rede)
A asociación Rede, a plataforma que representa a asociacións de familiares e usuarios dos centros de maiores, acúsaa destas supostas prácticas. O trámite foi presentado perante a Garda Civil.

O presidente de Rede, a entidade que agrupa as asociacións de familiares e usuarios dos centros de maiores, Paulino Campos, rexistrou o pasado sábado unha denuncia contra a directora da residencia de DomusVi de Chantada, Petra Rodríguez Molguero. O escrito acusa a máxima responsábel do xeriátrico chantadino de “presuntos delitos de agresión, coacción e ameazas” e está formulado atendendo a petición dun usuario, presuntamente, vítima dos feitos sinalados.

A denuncia presentada por Campos diante do cuartel da Garda Civil de Chantada sinala “que a pasada sexta feira, día 7 de maio de 2021, José Luís foi agredido no seu cuarto da residencia de maiores de DomusVi Chantada pola directora deste centro residencial dona Petra Rodríguez, quen entrou na estancia cun ton de voz moi alto, exaltado e axitado”. Segundo se recolle no escrito, o usuario “foi empurrado e acantoado contra a parede pola directora do centro, nun claro acto de agresión física, polo que cominou a directora a rematar inmediatamente a acción violenta e a que se puxese a unha distancia mínima dun metro como corresponde ás medidas de seguridade e prevención que deberían adoptarse nunha situación de pandemia”.

O responsábel de Rede considera no seu escrito que a causa da persecución deste usuario é consecuencia de “ter comunicado ao exterior por teléfono as circunstancias nas que vivía no medio dun confinamento ilegal que non respectaba os protocolos gobernamentais anticovid en centros sociosanitarios”.

Segundo sinala Campos, “dito confinamento nos cuartos decretado pola dirección de DomusVi, que afectaba a 200 residentes, que xa duraba unha semana e que tiña visos de eternizarse, vulneraba os dereitos fundamentais dos residentes”. 

"Ameazado e perseguido"

Campos destaca na denuncia que “José Luís séntese ameazado e perseguido, polo que solicita a acción da xustiza, así como que se abra a posibilidade dun traslado de residencia en vista dos acontecementos violentos recorrentes contra el e as liberdades fundamentais, entre elas as de liberdade de expresión, polas que debería estar amparado”. A este respecto, desde o colectivo de familiares de usuarios dan conta de que a Garda Civil xa ten tomado declaracións á directora do centro de maiores de DomusVi de Chantada e ao residente para trasladalas ao xulgado de Chantada e á fiscalía de Lugo. 

Rede entende que “este suceso traduce o feito veraz de que na Galiza cada día vulnéranse, nas residencias, os dereitos esenciais das persoas maiores, neste caso con presuntas agresións, ameazas e coaccións, mais tamén co control das comunicacións e coa patente conculcación dos principais dereitos fundamentais que ampara a Constitución: dereito a unha comunicación libre, dereito á liberdade de expresión, dereito á libre circulación e residencia, dereito ao segredo das comunicacións, dereito á dignidade humana, o honor e á intimidade, e o dereito á liberdade e á seguridade”.

Ao tempo, o colectivo explica estes comportamentos por parte dos responsábeis de DomusVi “pola certeza de que son entes inmunes ou impunes, de que teñen a seguridade que nada vai contra eles por moi mal que actúen”.