O comité de empresa esixe a dimisión do director xeral

Denuncian unha cobertura "tardía, insuficiente e patética" da TVG

Imaxe da sede da compañía pública de radio e televisión. Foto: cedida

O lume xa entraba no casco urbano de Vigo. Dúas persoas morreran atrapadas en Nigrán. Desde a mañá do domingo 16 de outubro os incendios inzaban Galiza. Só despois das sete da tarde prenderan máis de 70 fogos. Pero a programación da televisión pública galega permaneceu inmutábel ate peto das once da noite. "Houbo unha resposta tardía, insuficiente e patética, e só cando as críticas anegaban as redes sociais", sinalan fontes do comité interempresas da CRTVG, que veñen de esixir a demisión do director xeral do ente Alfonso Sánchez Izquierdo.

Entre a sexta feira e a mañá desta segunda, e segundo datos da Xunta, houbo 260 incendios. Porén, ningunha das catro mochilas -equipos portátiles que permiten facer información en tempo real- estaba dispoñíbel. Nin sequera o domingo pola tarde, cando a vaga de lume estaba a cobrar dimensións preocupantes.

 

"Unha das mochilas estaba en Barcelona, leva alí varias semanas", sinalan estas mesmas fontes. As outras tres, dedicadas á cobertura deportiva. Dos cinco reporteiros gráficos en quenda de traballo, catro estaban tamén cubrindo eventos deportivos: o Coruxo, o Compostela e o Ribadumia de fútbol e mais baloncesto en Ourense. A directora de informativos Concha Pombo, "que no novo organigrama ten todo o poder", non chegou á sede do ente público "ate as once menos dez da noite".

 

A directora de informativos Concha Pombo, "que no novo organigrama ten todo o poder", non chegou á sede do ente público "ate as once menos dez da noite"

 

Sobre esa hora, máis ou menos, a grella da TVG modificouse. Detívose a emisión da serie Serramoura. Un dos seus protagonistas, o actor Miguel Ángel Blanco, mesmo o chegou a esixir na súa conta da rede social twitter -na que ten máis de 3.300 seguidores: "Penso que deberían cortar a emisión xa e informar do que está pasando". Nesa altura, xa se sabía da morte de dúas persoas atrapadas polo lume nunha furgoneta en Nigrán.

 

"Houbo xente que non estaba en quenda de traballo e que se ofreceu. Os responsábeis dixeron que non era necesario. O 1 de outubro [data do referendo de autodeterminación de Catalunya] si chamaron a traballadores fóra de quenda para que axudasen", indican no comité de empresa, "ben se ve cales son as prioridades da dirección desta casa". Representantes sindicais insisten en que o cadro de persoal "non ten a culpa". "Somos despois os traballadores os que damos a cara nos coches rotulados. Xa pasou que se puxese en risco a nosa integridade física", denuncian.

 

"Houbo xente que non estaba en quenda de traballo e que se ofreceu. Os responsábeis dixeron que non era necesario".  O 1 de outubro [data do referendo de autodeterminación de Catalunya] si chamaron a traballadores fóra de quenda para que axudasen", indican no comité de empresa

 

O programa especial sobre os incendios comezou, finalmente, perto das once da noite e estendeuse deica as tres da mañá. Máis dun cento de focos activos, case unha vintena a pór en risco serio núcleos de poboación, e a televisión pública "non tiña organizada unha programación especial, nin informaba á poboación do que tiña que facer nunha situación de emerxencia. Os medios públicos non cumpriron a súa función".