Denuncia 15 meses de agarda para facer unha ecografía no hospital da Mariña

Unidade móbil de axuda a reclamacións da plataforma sanitaria da Mariña. (Foto: Nós Diario).
A paciente recorreu ao servizo de Atención ao Paciente e enviou un escrito á Dirección do hospital mais non recibiu resposta ningunha

A plataforma sanitaria da Mariña comparte a denuncia dunha muller que leva máis de 15 meses agardando para realizar unha ecografía de colo, solicitada polo seu médico de familia en xaneiro de 2021.

A acusación parte da propia doente, que comezou o seu periplo cunha visita ao servizo de urxencias por unhas molestias na gorxa que ían a máis e que elevaron a súa preocupación.

O persoal médico de urxencias prescribiulle antiinflamatorios e derivouna ao seu médico de familia, que lle solicita unha consulta cun especialista en otorrinolaringoloxía e unha ecografía de colo.

Tras ser vista polo especialista este, que non aprecia nada a simple vista recomenda que realice a proba solicitada.

Segundo o relato da paciente que da a coñecer o colectivo en defensa da sanidade pública da comarca, como pasaba o tempo sen que ninguén a convocase para a ecografía, decidiu acudir a atención ao paciente "máis non lle fixeron reclamación escrita", precisan, "tan só foi atendida verbalmente".

En outubro de 2021, nove meses despois da solicitude da proba, a muller enviou un escrito  á directora do centro, María Xosé Cortés, "máis non recibiu contestación ningunha", engade a plataforma .

Falta de diagnóstico

As molestias da muller aumentaron: "Cóllenme até o oído, cunha sensación de ter un nódulo na gorxa. Estou preocupada e asustada, quero que me fagan a proba xa e que me digan se teño algo ou non", relata a muller, que acudiu, finalmente á plataforma sanitaria da Mariña.

Coa acuda desta entidade, redactou unha reclamación que presentou polo rexistro o 31 de xaneiro de 2022.

Lei de garantías sanitarias

Após máis de dous meses, desde a plataforma sanitaria exixe que se cumpran os prazos que marca a lei de garantías sanitarias á vez que se dota o sistema de listas de espera da transparencia que se esixe ás actuacións públicas, incluíndo nelas a totalidade de pacientes que requiren una cita, eliminando do sistema as listas B e informando a cada paciente da súa posición nas mesmas mais todo o tempo de agarda.

Ademais, reclama ao Sergas que dote o hospital de Burela do persoal necesario. "A ausencia de tres radiólogos dun cadro de persoal de cinco está a causar graves atrasos á vez que está a sobrecargar o persoal que atende o servizo dun xeito perigoso para a súa saúde e repercutindo directamente sobre as pacientes, que non son atendidas nos tempos máximos que marca a lei", conclúen.