Demoras en sanidade, incapacidade e dependencia: as principais consultas legais do colectivo con discapacidade

Detalle da 'Guía legal' sobre discapacidade durante a súa presentación na Asociación de Dano Cerebral da Coruña a pasada terza feira. (Foto: Adaceco).
A Federación Galega de Dano Cerebral edita a primeira guía legal sobre normativa e discapacidade.

A Lei 8/2021 de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, "veu revolucionalo todo", asegura a Nós Diario Miguel Vieito, responsábel do servizo de asesoramento legal da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) xunto á traballadora social Carla Miranda.

Este cambio "definitivo" na normativa sobre discapacidade foi unha das razóns que levou estes dous profesionais a traballaren nunha guía legal capaz de explicar de forma esquemática e cunha linguaxe sinxela o "tsunami xurídico" que implica superar o vello modelo de incapacitacións para dar a benvida a un novo sistema, estabelecido xa no Convenio de Nova York de 2006, pero que "non chegou a implantarse no profundo", sinala Vieito.

Moitas inquedanzas

A nova lei está a cambialo todo e isto xera numerosas dúbidas e inquedanzas entre persoas, familias e colectivos de persoas con discapacidade. A nova lei non busca substituír a persoa con discapacidade, como até o de agora, senón acompañala nas súas decisións, "non tomalas por ela", recalca o avogado. "A titoría desaparece e o mal chamado sistema de incapacitación agora denomínase sistema de apoio".

Máis de 75% das sentenzas emitidas polos xulgados "eran de substitución total", é dicir, resolvían en favor dunha persoa titora 'incapacitando' a persoa con discapacidade. A nova lei retira o foco dos xulgados e sitúao nas figuras de apoio informais, "o que se coñeceñe como garda de feito", persoas que coidan e acompañan sen mediación ningunha da xustiza,, e mais nos "poderes preventivos", documentos notariais nos que a persoa con discapacidade expresa a súa vontade, por exemplo sobre quen quere que a coide ou apoie.

A nova lei non busca substituír a persoa con discapacidade, senón acompañala nas súas decisións

"Esta norma devolve a maioría de idade ás persoas con discapacidade", precisa Carla Miranda, promovendo o seu apoderamento, capacidade e autonomía persoal; e isto, engade Miguel Vieito, supón "un shock" importante que desde Fegadace tratan de anular cunha ferramenta divulgativa e accesíbel.

Son moitas as preocupacións e preguntas que xorden: "Que podo facer agora que antes non podía –votar ou facer testamento, por exemplo–? Cal é o meu papel agora se deixo de ser titora? Que vai pasar agora co meu fillo, como o acompaño a partir de aquí?", repasa Miranda.

A Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido. Aproximación á Lei 8/2021 e a outras normativas de interese para o colectivo é un "documento vivo", o primeiro en galego que aborda esta temática, que xa circula entre as persoas socias da federación e que axiña chegará ao público xeral e a colectivos profesionais que traballan a diario con persoas con discapacidade, "porque as mencións que se fan na guía son transversais a calquera tipo de discapacidade. Valen para unha persoa xorda, con mobilidade reducida, con síndrome de Down ou con dano cerebral", ámbito do que parte a iniciativa, sinala Vieito.  

Miguel Vieito durante a presentación da 'Guía legal' na Coruña. (Foto: Adaceco).

Queixas en materia de atención sanitaria

Neste sentido, a guía atende outros asuntos de interese para o conxunto das persoas con discapacidade máis aló da lei de 2021.

As consultas máis habituais que chegaron á asesoría xurídica de Fegadace en 2023 estaban relacionadas co dereito sanitario, destaca Miranda, "reclamacións por danos en saúde ou actuacións ante negación de servizos".

As neglixencias médicas, as demoras na atención sanitaria e as incapacidades permanentes que moitas solicitantes consideran que han de ser absolutas están no máis alto da lista de queixas e dereitos vulnerados, e todo o que ten que ver "coa valoración de discapacidade e dependencia ou a planificación e trámite de herdanzas e pactos sucesorios". 

Neste sentido, Vieito afirma que a espera de dous anos para unha valoración do grao de discapacidade que acumulan algúns expedientes implica un grave prexuízo. "Non dispor dese baremo de discapacidade implica que non se pode beneficiar de ninguha das axudas relacionadas coa discapacidade, como as cotas de emprego reservadas á persoas con discapacidade.

Os novos baremos de discapacidade, en vigor desde 2022, as instrucións previas en saúde e as deducións posíbeis na declaración do IRPF son asuntos que se detallan na guía de grande interese para as familias, que aínda confunden discapacidade e dependencia, "unha área que non está incluída pero que xa vemos que pode ser de proveito no futuro", conclúe Vieito.

Sesións informativas en todo o país

A Federación Galega de Dano Cerebral está a realizar un ciclo de presentacións da Guía legal para manter informadas as familias e as persoas con dano cerebral adquirido. Tras visitar as asociacións de dano cerebral de Lugo e A Coruña, Miguel Vieito e Carla Miranda presentarán o documento a socias das entidades de Vigo (Alento, hoxe,19 de marzo), Ourense (DCA Ourense, 26 de marzo) e Santiago (Sarela, 4 de abril), mais tamén ao público xeral. O 24 de abril estarán en Sober (Terra de Lemos) e o 26, en Burela (A Mariña).

Ademais, Fegadace están a deseñar tamén un webinar en colaboración co Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza, o día 19 de abril, dirixido a todos os colexiados e colexiadas interesados nas novidades normativas e que atenden a diario a persoas con discapacidade en asociacións e servizos sociais.