A demora nun tren Ourense-Santiago-A Coruña obriga a retrasar a saída doutro Vigo-A Coruña

Estación de tren de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
As persoas usuarias denuncian cada semana novos episodios de atrasos nos convois.

Un día máis, os problemas de frecuencias de horarios que acusa Renfe volveron afectar as persoas usuarias do servizo ferroviario.

Nesta quinta feira, o problema xurdiu pola demora do tren que fai o traxecto Ourense-Santiago-A Coruña entre as 19 e as 20.08 horas.

O convoi debía chegar ás 19.40 horas á capital galega. Porén, tal e como denunciou a deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas, este chegou cun retraso de máis de 40 minutos.

Cada día peor, Renfe. [...] Agora mesmo con billete para saír ás 19.40 sigo agardando na estación e anuncian saída para as 20.24”, denunciaba Queixas na súa conta de Twitter.

A demora obriga a retrasar outro tren

A demora deste convoi, que afectou a todas as persoas que adquiriran billete para desprazarse até a cidade herculina, trasladouse a outro tren, obrigado a retrasar a súa saída até que o primeiro tren saíse.

En concreto, tratábase doutro ferrocarril con viaxeiros que tiña por destino A Coruña, aínda que neste caso saíndo desde Vigo.

O tren, que tiña prevista a súa hora de saída desde Santiago de Compostela para as 20.17 horas, tivo que paralizar o seu traxecto até que o Ourense-A Coruña realizase a súa saída, ademais de darlle unha marxe, facendo que finalmente o convoi saíse minutos antes das 20.30 horas.

Sobre este novo episodio, a plataforma Tren Media Distancia Galicia asegurou que as persoas usuarias precisan que Renfe “mellore a fiabilidade, non hai semana que se cumpran os horarios”.