Demite o concelleiro de Moraña que chamou "zorra" a Carmela Silva

A demisión produciuse após reclamarlle que pedise desculpas Núñez Feijóo. 

 

Jorge Caldas presentou esta cuarta feira a súa renuncia como concelleiro de Moraña após chamarlle nas redes sociais "mala zorra" á presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva. 

"Desaloxar machistas retrógrados é un avanzo máis para as mulleres e na loita contra a desigualdade", din desde o Bloque de Moraña

Caldas, que era tamén responsábel da área de Igualdade municipal, adoptou a decisión após pedir desculpas, como lle foi reclamado polo propio presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, que considerou os insultos machistas proferidos "fóra" do que debería acontecer "en calquera democracia". 

Así as cousas, Jorge Caldas, contou co apoio da alcaldesa de Moraña, María Luísa Piñeiro quen dixo del que é "unha grande persoa". 

A demisión de Caldas foi reclamada polo grupo municipal do BNG e tamén polo PSOE. 

Desde a organización frontista, que denunciou publicamente o acontecido, aseguran que "desaloxar machistas retrógrados das nosas institucións é un avanzo máis para as mulleres e un avanzo na loita contra a desigualdade".