Concelleiro do PP de Moraña chámalle "mala zorra" á presidenta da Deputación de Pontevedra

O grupo municipal do Bloque pediu a demisión de Jorge Caldas que é tamén primeiro tenente da Alcaldía e responsábel da área de Igualdade municipal. 

 

"Mala zorra" e "sinvergüenza". Nestes termos se referiu o concelleiro do PP, responsábel da área de Igualdade e primeiro tenente da Alcaldía de Moraña, Jorge Caldas, á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. 

Os comentarios en Facebook foron escritos ao fío do conflito polos recursos económicos do rally Rías Baixas

Foi após o pleno municipal que tivo lugar o 29 de xaneiro e através das redes sociais logo de que un simpatizante do Partido Popular proferira comentarios "denigrantes" e "pexorativos" contra a mesma persoa através do seu perfil na rede social Facebook, explican desde o grupo municipal do BNG de Moraña nun comunicado de imprensa no que exixen a demisión do que foi, tamén, candidato do PP ao Congreso español por Pontevedra. 

As opinións foron vertidas froito dun conflito aberto pola negativa do goberno provincial a apoiar un rally

Desde a organización frontista aseguran que a actitude de Jorge Caldas "só pode definirse como inadmisíbel, intolerábel e vergoñenta" ao tempo que a consideran "especialmente grave" por se tratar dun representante público. 

"Un insulto sexista", acrecentan, "que atenta non só contra un cargo público polo simple feito de ser muller, senón tamén contra a dignidade de todas as mulleres". Así pois, instan a que a saída do concelleiro sirva de exemplo para demostrar que "estas condutas machistas non poden ter cabida en ningún espazo da sociedade e moito menos dun responsábel político" quen ten "a obriga" de manter un "compromiso activo" na loita pola igualdade. 

"O PP de Moraña e a Alcaldesa teñen que depurar responsabilidades políticas de inmediato"

“Desde o BNG consideramos que o PP de Moraña e a Alcaldesa teñen que depurar responsabilidades políticas de inmediato, pois esta persoa non pode seguir nin un minuto máis ostentando a representación institucional dos homes e tamén das mulleres deste Concello. Son uns insultos inadmisibles e vergoñentos, á parte que reiterativas, o que dá mostra do carácter deste concelleiro e da permisividade do PP con comportamentos machistas deste calibre”, sinalou Marcos Suárez, voceiro municipal do BNG de Moraña. Do contrario, aseguran, "estará avalando e sendo cómplice dos seus comportamentos machistas". 

A alcaldesa de Moraña di que se trata dun "calentón desafortunado" e o PSOE pide o "cesamento fulminante" do concelleiro

A alcaldesa de Moraña, María Luísa Piñeiro, xustificou o acontecido apelando a un "calentón desafortunado" mentres que o PSOE, exixiu a Alberto Núñez Feijóo, como presidente do Partido Popular, o "cesamento fulminante" de Jorge Caldas ou, do contrario, sinalan, "estará dicindo que é un presidente machista". 

Carmen Gallego asegurou que "chove sobre mollado" e instou o líder popular a "pór orde" na formación ao lembrar o caso que atinxe o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, por un presunto caso de acoso sexual.