Demandan a restauración da antiga mina de Touro desligada dun novo proxecto extractivo

Contaminación provocada pola mina de Touro no tramo medio do río Portapego (Nós Diario)

Confrarías, sindicatos, organizacións ecoloxistas e numerosos colectivos emitiron un comunicado conxunto no que exixen un proxecto integral de drenaxe da mina de cobre abandonada de Touro.

Máis de 40 organizacións deron a coñecer este sábado desde a Illa de Arousa un comunicado no que reiteran o requirimento á Xunta para que execute o proxecto de drenaxe da mina de Touro.

Lembran que o 25 de novembro de 2019 a Xefatura Territorial da Consellería de economía, emprego e industria (CEEI) indicoulle á mercantil Explotacións Galegas S.L. (EXGA) un proxecto integral de drenaxe da mina de cobre abandonada de Touro. O 2 de marzo de 2021 reitera o requirimento sen que se executara o proxecto temporal autorizado previamente en 2018.

“Así, nestes 3 anos, esas augas contaminadas continuaron alcanzando o dominio público hidráulico (DPH) como viñan facendo nos 30 anos anteriores”, indican no comunicado, “as actuacións que cita a empresa como realizadas nos últimos 3 anos son actuacións sobre o papel, que nunca se levaron a cabo na realidade, non tendo, por tanto, ningunha consecuencia sobre o medio ambiente”, engaden.

A drenaxe da empresa non trata a contaminación actual

Desde estas organización sinalan que a proposta presentada pola empresa “excede con moito o ámbito do procedemento de Autorización en DPH baixo o que se pretende tramitar” ademais de exceder tamén “o procedemento de Autorización de vertidos, xa que Augas da Galiza non pode asumir as funcións propias do órgano substantivo mineiro (CEEI)”.

Alén diso, denuncian que o proxecto da compañía “deixa outra volta sen tratar as augas que rebordan desde a denominada balsa de Bama, agás dunha simples decantacións na antedita balsa e o mantemento do humidal reactivo que traballa con tecnosolos”.

No documento informan que a administración denegou no seu momento o permiso de vertedura das augas da balsa polas altas cantidades de metais pesados que presentan e por non considerar suficientes as solucións que agora a empresa volta a propoñer”.

Cualifican de “inadmisibel” que a planta de tratamento que se presenta sexa a deseñada para dar servizo á hipotética futura mina “e non para tratar as augas que na actualidade drenan da corta de Vieiro ao Pucheiras” polo que exixen que o actual proxecto de drenaxe integral “debe estar incorporado a un verdadeiro Plano de Restauración ao que está obrigada a mercantil”.