Demandan en Compostela máis emprego no Sergas para garantir unha sanidade pública

Máis de mil persoas piden ao goberno galego nunha manifestación que cubra todas as prazas vacantes.

Máis de mil profesionais tomaron parte na mobilización que decorreu esta quinta feira en Compostela para exixir “Máis emprego e de máis calidade nunha sanidade 100% pública”. Convocada polos sindicatos CIG, CCOO, Satse, O`mega, UXT, entre outros, defenderon que se cubrisen todas as vacantes, garantindo así persoal de abondo para prestar un servizo acaído.

Desde 2009 xubiláronse 3 mil profesionais da saúde. Entretanto, só foron re-emprazadas o 10% das prazas vacantes --entre 2010 e 2014, o 50% no 2015 e, segundo anunciou o goberno de Galiza, o 100% para este ano 2016. Ora ben, sinalan os sindicatos, só serán cubertas as prazas correspondentes ao ano anterior e o que non implica que se dea cobertura a todas as prazas que se perderon nestes anos, apuntan as centrais sindicais. 

De acordo coas Ofertas Públicas de Emprego (OPE) publicadas en 2012 só se ofertaron 176 prazas de facultativos/as; na de 2013-14 205 de enfermeiras/os e 82 de médicas/os de familia; na de 2014, 104 para o resto de colectivos; na de 2015, 344 e este ano, 818. Destarte, suman 1.539 prazas que non se achegan "nin de lonxe" ás 3.000 que serían precisas para garantir a cobertura daquelas que se perderon por xubilacións, sinalan. 

Na mobilización tamén se denunciou a “precariedade” existente, con contratacións de persoal mesmo por días solto, afectando así á calidade asistencial.