Unha demanda xudicial para que usuarias da AP-9 recuperen as peaxes cobradas durante as obras en Rande
A Asociación de Consumidores En-colectivo presentou ante o xulgado do mercantil de Pontevedra a demanda de execución da sentenza do Tribunal Supremo que declarou en 2025 improcedente o cobro íntegro de peaxes da AP-9 en determinados supostos durante as obras de ampliación da ponte de Rande (2015-2018).
A demanda, destacou o colectivo nunha nota de prensa, principiouse cun primeiro grupo de usuarios que xa solicitan o seu recoñecemento como beneficiarios, como paso previo para reclamar a devolución dos importes abonados.
Agora, o procedemento queda aberto á incorporación de novos afectados que acrediten a súa situación conforme os criterios estabelecidos na sentenza.
Aliás, a plataforma solicita ao xulgado que requira a Audasa para que facilite a información necesaria para identificar o resto de usuarios e usuarias afectadas e calcular as cantidades para devolver, co obxectivo de axilizar o proceso.
"Durante anos cobrouse por un servizo que non se prestaba en condicións. Agora corresponde executar a sentenza e proceder á devolución", reivindicou o presidente de En-Colectivo, Diego Maraña.