Demanda pioneira da veciñanza das Conchas contra a Xunta, Confederación Hidrográfica e cinco concellos por contaminación
De acordo con Amigas da Terra, este caso xudicial "marca un precedente en Europa", xa que por "primeira vez" un tribunal avaliará o impacto da gandaría industrial nos recursos hídricos desde unha perspectiva de dereitos fundamentais.
A asociación local de veciños e veciñas das Conchas, no municipio de Lobeira (Baixa Limia), e a Federación de Consumidores e Usuarios CECU, canda sete cidadáns particulares, presentaron unha demanda pioneira ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) por violación de dereitos humanos contra a Xunta da Galiza, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os concellos de Bande, Muíños, Lobeira (Baixa Limia), Trasmiras e Os Blancos (A Limia) por "permitir durante décadas" a contaminación do encoro das Conchas.
Amigas da Terra e ClientEarth dan o seu apoio ao litixio, que se basea na acusación de que as autoridades denunciadas non garantiron os dereitos fundamentais das persoas que habitan na zona, en particular o dereito á vida, a prohibición da tortura e o trato degradante, o dereito á vida privada e familiar e ao domicilio e a protección da propiedade.
De acordo con Amigas da Terra, este caso xudicial "marca un precedente en Europa", xa que por "primeira vez" un tribunal avaliará o impacto da gandaría industrial nos recursos hídricos desde unha perspectiva de dereitos fundamentais.
En concreto, critica a falta de control das administracións públicas respecto ao tratamento que debe darse ao exceso de xurros, a mestura de excrementos e auga, principal residuo da gandaría industrial.
Segundo a organización, as condicións de vida na zona deterioráronse gravemente pola contaminación provocada polos "centos" de explotacións gandeiras intensivas que operan na zona debido ás autorizacións que a Xunta outorgou "de forma permisiva".
Amigas da Terra advirte de que o nivel de nitratos rexistrado no encoro é "extremadamente elevado", o que supón un factor de risco de distintos tipos de cancro, entre os que inclúen o cancro de tiroides, mama, ovarios, estómago, páncreas e vexiga.

