Os delitos sexuais repuntan un 16% no primeiro semestre

Acción do alumnado do IES Sánchez Cantón de Pontevedra o 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista (Imaxe: En negro contra as violencias).

A Galiza rexistrou un total de 377 delitos contra a liberdade e indemnidade sexual no primeiro semestre deste ano, o que supón unha repunta do 16,4% en comparación co mesmo período de 2021.

Así se recolle no balance de criminalidade que acaba de publicar o Ministerio do Interior. Do total de delitos sexuais, 44 son agresións con penetración (+2,3%) e o resto son doutro tipo.

Pola súa parte, os furtos e estafas xa supoñen máis da metade dos delitos que se cometen na Galiza, que se incrementan entre ambas un 38% en taxa interanual.

En detalle, entre xaneiro e xuño deste ano cometéronse 9.150 furtos e 16.011 estafas, das que 11.788 foron a través de medios telemáticos. De tal forma, as estafas informáticas supoñen un de cada catro delitos na Galiza.

Paralelamente, increméntanse un 30,6% os delitos de seguridade viaria, cun total de 2.306. Gran parte deles tiveron que ver con alcol e drogas, tal e como advertiu a Comisión Autonómica de Seguridade Viaria na súa última reunión decorrida na Delegación do Goberno español.

Menor taxa de criminalidade que a media estatal​

Respecto da totalidade de infraccións penais rexistradas, a estatística do Ministerio do Interior contabiliza entre xaneiro e xuño na Galiza 49.910 delitos, 10.711 máis que o mesmo semestre do ano anterior (cabe destacar que o primeiro semestre de 2021 aínda estivo marcado por diferentes restricións pola pandemia).

De tal forma, a taxa de criminalidade alcanzada foi de 36,7 delitos por cada 1.000 habitantes en xuño, case dez puntos por baixo da media estatal.