Deixa de imprimirse o diario máis antigo do mundo

O diario austríaco tería celebrado este verán o seu 320 aniversario. (Foto: Nós Diario)

O ‘Wiener Zietung’ existía desde 1703

Facer xornalismo en papel é xa un acto de resistencia. Á listaxe de cabeceiras que paran definitivamente as súas rotativas súmase esta feira o diario máis antigo do mundo. O Wiener Zeitung, xornal de referencia en Austria, imprimirase este 30 de xuño por última vez.

A partir do 1 de xullo o diario austríaco, propiedade da República de Austria e medio oficial de publicación de informacións xurídicas oficiais de empresas, publicarase unicamente en Internet.

Wiener Zeitung existe desde 1703 e este verán tería celebrado o seu 320 aniversario. Segundo afirma a súa coeditora xefa, Judith Belfkih, as súas páxinas recolleron o texto da Declaración dos Dereitos Humanos e grandes personalidades como Mozart e Beethoven anunciaron os seus espectáculos nas follas do diario austríaco.

Críticas ao modelo de financiamento

O Goberno de Austria decidiu pór fin á edición impresa de Wiener Zeitung facendo referencia a unha directiva da Unión Europea que restrinxe a principal fonte de ingresos do xornal: a chamada publicidade obrigatoria.

O motivo dado para o cesamento da edición impresa é a aplicación da directiva comunitaria “sobre o uso de ferramentas e procedementos dixitais no dereito de sociedades”, que obriga as empresas a sacar anuncios públicos.

E é que o modelo de financiamento do Wiener Zeitung estivo anos no centro do debate. Con esta directiva da UE o xornal austríaco sufriría unha perda masiva de ingresos, posto que tres cuartas partes do financiamento público destinábanse á súa edición impresa.