Adega advirte da pegada no medio ambiente do consumismo no Nadal

Deceas de persoas baixo o alumeado de Nadal de Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Ofrece un manual para unhas festas "máis verdes".

O Nadal é un momento sinalado no calendario para arrodearse dos seres queridos. Mais tamén unhas festas nas que o consumo se dispara. Na procura dun Nadal máis ecolóxico, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) editou un manual con consellos para que a cidadanía diminúa a súa pegada nestes días.

"As cegadoras luces destas celebracións impídennos ver o seu alto custo ambiental, económico e social", advirten.

O caderno Por un Nadal máis verde enmárcase na iniciativa Fogares Verdes "que tenta botarlle algo da cor verde a este planeta cada vez máis gris". Nel a entidade ecoloxista reflexiona sobre o impacto destas festas en distintos eidos. No ambiental, destacan o gasto enerxético "superior ao do resto do ano".

"Prodúcese un maior consumo de produtos e increméntase substancialmente a cantidade de residuos", exemplifican.

No ámbito social, salientan o tempo de lecer investido en tendas e centros comerciais, "consumimos a nosa saúde paciencia en longas colas". Tamén advirten que os xantares tradicionais foron desprazados por menús excesivos.

A maiores, lembran que detrás dos xoguetes, aparellos tecnolóxicos e outros agasallos de Nadal están as mans de persoas "que, de seguro, non gozan do Nadal nin se poden permitir moitas das cousas que fabrican".

Con base en distintas fontes, Adega calcula que a media de gasto no Estado español por persoa oscila entre os 900 euros e os 1.500 euros. Un monto que, en termos xerais, se destina a comprar en grandes superficies ou multinacionais. "Parar o dispendio tería importantes beneficios tanto para as persoas como para o medio", valoran.