O Defensor do Pobo alerta de "atrasos moi acentuados" na valoración do grao de discapacidade, até un ano na Galiza

O Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, entregou esta sexta feira o seu informe anual á presidenta do Congreso, Francina Armengol. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
As persoas afectadas, "ademais de faceren fronte ás limitacións na vida diaria que lles impón a súa discapacidade, ven obstaculizado e demorado o seu acceso a diversas prestacións sociais e axudas que lles poden resultar imprescindíbeis", lamenta Gabilondo.

O Defensor do Pobo alerta de "atrasos moi acentuados" na valoración do grao de discapacidade no seu informe anual correspondente ao ano 2023, presentado no Congreso dos Deputados esta pasada sexta feira. O organismo presidido por Ángel Gabilondo xa viña facendo referencia a esta cuestión ao longo dos últimos anos, pero subliña que o número de queixas recibidas a este respecto triplicouse desde 2019.

"Na tramitación das queixas recibidas en 2023 puidéronse constatar uns atrasos moi acentuados para a primeira valoración ou revisión de grao en varias provincias ou comunidades autónomas", asegura, na súa memoria. Neste sentido, sinala que os períodos de agarda dan lugar a situacións "moi difíciles" para moitas persoas que, "ademais de faceren fronte ás limitacións na vida diaria que lles impón a súa discapacidade, ven obstaculizado e demorado o seu acceso a diversas prestacións sociais e axudas que lles poden resultar imprescindíbeis".

Co obxectivo de pór en marcha esta normativa, o Defensor do Pobo precisa que a maioría das comunidades autónomas informaron de que levarían a cabo o desenvolvemento dunha nova ferramenta informática, a contratación de máis persoal ou a creación de novos centros de valoración. Na Galiza, segundo informaba o pasado xaneiro o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), o proceso pode demorarse até 12 meses.

O documento asinado por Gabilondo fai referencia tamén ao Real Decreto que actualiza o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, que entrou en vigor en abril de 2023. A súa aprobación indica que supuxo para os órganos competentes "a necesidade de adaptar os instrumentos empregados na valoración, así como o desenvolvemento dunha formación específica ao persoal encargado desta tarefa".

Neste sentido, engade que desde Castela-A Mancha indicouse que houbera unha redución de cinco meses na lista de espera, pero noutros casos, agrega que se tivo coñecemento de que se estaban producindo "erros non desexados" na migración de datos entre as ferramentas informáticas.

Ademais, destaca que en Asturias non se estaban podendo emitir resolucións administrativas e que se efectuaban "meras comunicacións" aos interesados sobre o seu grao de discapacidade, unhas comunicacións ás que outras administracións non confiren o valor xurídico dunha resolución administrativa.

Tamén lembra que nos supostos de revisión do grao, cando non se resolva en prazo por causas alleas á persoa interesada, debe manterse o grao de discapacidade previamente recoñecido até que se dite a resolución. Con iso apunta que se ha de evitar a suspensión de expedientes administrativos como se vén producindo nos de prestación por fillo a cargo, tramitada polo Instituto Nacional da Seguridade Social, ou nos de acceso aos servizos e prestacións de atención temperá para nenos e nenas con discapacidade.