O Defensor do Paciente alerta de que “os grandes dependentes” non poden quedar os últimos para a vacinación

Vacinación de traballadoras de Axuda no Fogar en Compostela. (Foto: Área Sanitaria de Santiago)

Esta figura a prol da atención sanitaria considera un erro que estas persoas e as súas familias sexan “as últimas da fila”. En paralelo, o Colexio de Ópticos-Optometristas vén de denunciar a súa “exclusión” da quenda de tratamento contra a Covid-19 para o persoal sanitario.

As e os grandes dependentes fican a un lado na campaña de vacinación contra a Covid-19 estruturada pola Xunta. Así o denunciou esta terza feira o Defensor do Paciente, que ademais de indicar que “non están a ser vacinados”, sostén que nin estas persoas nin as familias que se fan cargo delas “deben ser os últimos da fila”.

Esta figura pública fala a nivel xeral pero exemplifica a situación cun caso concreto que quere que chegue tanto ao presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, como ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

No caso en concreto, do que non transcenderon publicamente datos, o Defensor detecta “unha violación dos dereitos de familiares e pacientes con gran dependencia”.

“Están indefensos encerrados e tamén teñen o desprezo administrativo ao non vacinalos a eles e á súa familias”, lamenta a entidade á que representa, que lembra que “a Constitución non ten preferencias nos dereitos”.

Na súa opinión, os dependentes mesmo deberían ser prioritarios como as e os usuarios das residencias. Por iso, demandan un cambio de camiño no plan das autoridades sanitarias para prestarlles atención.

Un colectivo sanitario fóra do plan

Por outra banda, seguen a sucederse as críticas e denuncias á vacinación por deixar fóra distintos colectivos profesionais. Hoxe foi o Colexio de Ópticos-Optometristas da Galiza quen, a través dun comunicado, di ver con “estupor” a decisión da Consellaría de Sanidade de non incluír a estas profesionais na quenda do persoal sanitario.

A institución pensa que esta resolución é "ilóxica, arbitaria e contraditoria", tendo en conta que as e os expertos sanitarios están “en contacto directo cos pacientes, moi próximos ás súas vías respiratorias”, no seu traballo.

“A actividade profesional principal do óptico-optometrista desenvólvese, en gabinetes de optometría, onde a proximidade aos ollos do paciente é máxima, especialmente ao realizar certas probas como retinoscopía, oftalmoscopía, exame biomicroscópico, retinografía, tonometería e adaptación de lentes de contacto, entre outras”, destaca.