Covid: O alumnado de Odontoloxía da USC demanda entrar no plan de vacinación prioritaria da Xunta

Imaxe de arquivo da consulta dunha dentista. (Foto: Rolf Vennenbernd / dpa)
As e os estudantes urxen ao Executivo galego a seguir o exemplo doutras administracións e integralos nesta quenda de inmunizacións porque están en contacto con pacientes, sobre todo a partir do terceiro curso da carreira.

As e os alumnos da facultade de Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC)  solicitan ser integrados no plan de vacinacións da Xunta da Galiza co resto de equipas sanitarias do país. Desde o seu punto de vista, tamén teñen unha gran exposición á Covid-19 e, en consecuencia, teñen que ser inmunizados canto antes.

Así o manifestaron a través dun comunicado no que indican, como exemplo, que as compañeiras e Murcia e Aragón xa están a recibir os medicamentos contra o virus, mentres que a posta en marcha da vacinación do alumnado “en Sevilla e Valencia é inminente”.

Critican que na Galiza, coa inmunización activa xa planificada, non foran incluídas malia que “tamén” realizan “servizos asistenciais e son menos experimentados”, polo que quizais poderían contaxiarse dalgún doente.

Ademais, ven unha diferencia de trato, pois estudantes doutras facultades médicas da Galiza “que teñen contacto con pacientes xa recibiron a primeira dose da vacina”.

Eles séntense nunha situación similar, sobre todo a partir do terceiro curso que hai un maior contacto con pacientes, como para que a Xunta os teña en conta con urxencia.

Para xustificar a súa demanda explican que teñen que estar con persoas sen máscara, a distancias moi reducidas e nas consultas hai aerosois que poden axudar ao contaxio.

Esta reivindicación conta co apoio de todas e todos os alumnos, así como da Asociación de Estudantes de Odontoloxía de Santiago de Compostela (AEOS). Nesta liña e por precaución, cren que sería positivo integrar nesta fase para recibir os fármacos a profesores, técnicos de radioloxía, técnicos de próteses dentais e demais persoal da facultade.