A defensa do ensino público mobiliza en Compostela máis de 4.000 de persoas

A comunidade educativa ateiga a praza de Praterías, en Compostela, en defensa do ensino público. (Foto: Nós Diario)
Profesorado e comunidade educativa reclaman redución dos cocientes, do horario lectivo e da burocracia. O 28 de novembro haberá unha folga xeral do persoal docente que culminará un mes de protestas.

O profesorado galego manifestouse este domingo en Compostela contra "o acordo da vergoña" asinado o pasado 11 de outubro entre a Xunta e tres do catro sindicatos que fan parte da mesa sectorial docente non universitaria (CCOO, ANPE e UGT).

O cuarto, e maioritario, a CIG-Ensino foi o encargado de convocar xunto a STEG e CSIF a  mobilización deste 19 de novembro, a terceira parada dunha programación conxunta de protestas que terán continuidade a vindeira terza feira, 28 de novembro, co chamamento a unha folga xeral do persoal docente.

As reivindicacións da comunidade educativa son a baixada das ratios, a redución do horario lectivo, a redución da burocracia e a repartición lineal dos recursos económicos, ademais de maior dotación de persoal para atender a diversidade.

A marcha, que saíu ás 12 horas da Alameda e percorreu as rúas da capital galega até chegar á praza de Praterías, estivo encabezada por unha pancarta baixo a lema 'O profesorado non se vende'.

Cabeceira da manifestación en defensa do ensino público este 19 de novembro en Compostela. (Foto: Nós Diario).

Durante o percorrido apareceron outros carteis nos que se lía 'Román escoita o ensino está en loita' e soaron proclamas como 'O acordo da vergoña non o queremos nin de coña'. Ademais, á marcha, que estivo acompaña de gaitas e tambores, asistiron representantes do BNG como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, entre outros.

Un acordo de renuncias

En declaracións aos medios, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, sinalou, a piques de comezar a manifestación, que este é "un día grande" para todo o ensino público, no que cómpre facerse "moitas preguntas".

"A primeira é como se pode cualificar de histórico un acordo que o que leva é a que o profesorado que perdeu os seus dereitos polas accións deste Goberno autonómico non os vaia a recuperar?", remarcou, en referencia ás palabras do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen cualificou de "histórico" o documento.

Esta manifestación, engadiu, vai en contra da "mentira e da manipulación" que supón esa cualificación de "histórico" dun acordo que "non é de melloras, é de renuncias".

Tamén é unha mobilización contra "a covardía e a entrega sindical" xa que, a día de hoxe, destacou, hai unha "desunión sindical" que "lastra as expectativas" que ten o profesorado.

Malestar

"O que evidenciamos nas asembleas que estamos a facer en todos e cada un dos centros educativos da Galiza é un malestar enorme do profesorado contra unha serie de medidas que o que van provocar é algo gravísimo", apostilou.

Co acordo, non é simplemente que "non recuperen os dereitos" que demandan desde hai anos, senón que, se se aplica, "vén para quedar moitos anos".

Por iso, para a CIG era "tan elemental e importante" concienciar o profesorado de que "había que loitar" contra todas as "mentiras, manipulación e coa intención evidente de dividir o profesorado".

Capacidade para o cambio

Desde a CIG-Ensino afirman que só unha mobilización "moi potente" do profesorado pode mudar as cousas. Hai capacidade para "obrigar ao Goberno autonómico", pero "non vou dicir que imos conseguir unha rectificación".

Así, Bermello chamou os docentes a reivindicar os seus dereitos, porque "se non nos movemos, vannos arrastrar", dixo.

O secretario de Acción Sindical de STEG, Lois Pérez, declarou que "están convencidos" de que hai "un enorme malestar" entre o profesorado galego.

A comunidade educativa ateiga a praza de Praterías, en Compostela, en defensa do ensino público. (Foto: Europa Press).

"Hai un profesorado que ten conciencia de clase e que sabe perfectamente distinguir que é un acordo real para mellorar a calidade do ensino público e que é propaganda", proclamou.

Para STEG, que simplificou os últimos 14 anos nun "desgoberno do PP", o acordo responde a intereses "electoralistas" e rexeitou "totalmente" a actitude da Xunta e das organizacións que o asinaron xa que "non mellora en nada" o marco actual do ensino público.

Un acordo ridículo

A responsábel do sindicato CSIF na Galiza, Rosa Silva, lembrou que "non asinaron o acordo" porque lles parece "ridículo" e incidiu en que as eleccións sindicais levaron unhas reivindicacións que pasaban por "recuperar o horario perdido" de 18 horas en Secundaria e 21 en Primaria que tiñan no 2012.

"Consideramos que este acordo é insultante para todo profesorado galego", criticou. Un documento asinado "en tres días, á présa e correndo" cuns sindicatos que rubricaron o que "puxo a Consellería na mesa" sen "ningún tipo de negociación".