A defensa do monte veciñal nun medio rural vivo resoa con forza nas rúas de Compostela

manifestacion monte comunal imaxe do bng1

Máis de 2.000 persoas partes toman parte na manifestación convocada pola Organización galega de comunidades de montes para rexeitar as reformas e medidas que procuran, denuncian, “privatizar” este monte.

“Galiza escoita, o monte está en loita”. Baixo este berro arrancou na explanada da estación de tren de Compostela a manifestación na defensa do monte veciñal e en man común e de rexeitamento ás políticas da Xunta que desde o sector entenden que van camiño de “privatizar” o monte. Centos de persoas procedentes de diferentes comarcas do país percorreron as rúas da capital de Galiza para denunciar que as últimas modificacións da Lei de Montes Veciñáis en Man Común e a revisión do Plano Forestal de Galiza poñen as bases para “roubar” o monte veciñal ás Comunidades de Montes. Comuneiros e veciñanza de diferentes comarcas do país, de Baixo Miño ou O Salnés até Santiago, tomaron parte na mobilización, convocada pola Organización galega de comunidades de montes cos lemas Por un plano forestal para un medio rural vivoNa defensa do monte vecinal como titularidade da veciñanza comuneira.

 

Unha mobilización na que colleron diferentes denuncias de proxectos de agresión ao territorio, desde campos de golf e megaminería até Ence-elnosa e a eucaliptización do monte.

 

O propio presidente da Orgaccmm, Xosé Alfredo García, denunciaba que “aos intereses que representa e ampara o PP a figura do monte en man común estórballe, porque está fóra do comercio, non se pode negociar con ela, non se pode vender. E por riba está xestionada democraticamente, calquera cousa a facer nese monte require debate, asembleas… E iso non lles val, de aí que queiran convertelo en propiedade privada. Para que ? Para ter terra barata para instalar industrias ambiental e socialmente agresivas, como as de magaminería, ademais de proxectos como campos de golf, áreas comerciais, urbanizacións de luxo”.

Neste sentido, na manifestación había representantes de diferentes comunidades de montes (Noalla, Barredo), que denuncian estar afectadas por diferentes proxectos (campo de golf, desafección).

 

A marcha, que tiña o apoio de CIG, a Federación Rural Galega, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra e a  Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galiza; contou coa presenza, entre outros representantes políticos, dos portavoces de BNG e EN Marea. Neste sentido, Pontón afirmou que “o goberno ten que escoitar o clamor social e dar un xiro radical á política forestal, hai que pasar dunha política forestal pirómana que enche o país de eucaliptos a unha política que aposte por un monte limpo, vivo e multifuncional, que xere riqueza, emprego e revitalice o medio rural”.

Para Luis Villares, "a reforma do Partido Popular pretende expropiarlle os montes á veciñanza para cederllos a empresas privadas. Estamos aquí porque non nos resignamos a esas políticas do Partido Popular". 

 

Desde Orgaccmm tamén fan referencia ao fracaso da Xunta na súa política antiincendios, que agora quer obrigar os propietarios a limpar os terreos. Lembra este colectivo que das 600.000 hectáreas de monte comunal que hai en Galiza, por volta de 250.000 son xestionadas pola Xunta e que hai estudos que indican que de esa superficie, por volta de 40% está abandonada. De aí que insten o goberno galego a dar exemplo.

 

Todas as imaxes: @obloque