Xosé Alfredo Pereira

“Aos intereses que representa o PP o monte en man común moléstalles”

Imaxe: Fruga

Este domingo, 22 de abril, hai manifestación nacional en Compostela convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes e co apoio de organizacións como Adega, Fruga, SLG, ou CIG, entre outras. Falamos con Xosé Alfredo Pereira, da Orgaccmm.

“Na defensa do monte vecinal como titularidade da veciñanza comuneira”, é unha das palabras de orde da mobilización convocada pola Orgaccmm“Por un plano forestal para un medio rural vivo”  é outro dos lemas. A organización de comuneiros acusa o PP de querer “privatizar e desclasificar” os montes veciñáis en man común. “Fica claro que para o Partido Popular o medio rural non ten futuro”. 

 

-Denunciades que a Lei de montes veciñais en man común e a revisión do Plano forestal de Galiza sentan as bases para que o PP “roube”, dicides, o monte veciñal ás comunidades de montes…

 

-É un roubo e ademais é un roubo descarado. Isto vén de lonxe, de cando o PP volveu ao poder, que activa unha estratexia para eliminar estas terras de titularidade comunitaria, os montes comuneiros, e entregarlla a empresas privadas. A lei de acompañamento aprobada en decembro do ano pasado modifica dous artigos da Lei de montes veciñais e de man común, actualmente vixente e que foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego. Estas modificacións fainas o PP en solitario e permiten que a Consellaría de Medio Rural sexa xuíz e parte para declarar o monte veciñal en estado de abandono por razóns  puramente técnicas e administrativas, como que unha comunidade non dea constituído en forma unha xunta rectora. Debe ser a primeira vez en Europa que incumprir un precepto dunha lei non leva unha sanción senón o roubo da xestión do monte.

 

-Falabas antes dunha estratexia por parte do PP…

 

-Aos intereses que representa e ampara o PP a figura do monte en man común estórballe, porque está fóra do comercio, non se pode negociar con ela, non se pode vender. E por riba está xestionada democraticamente, calquera cousa a facer nese monte require debate, asembleas… E iso non lles val, de aí que queiran convertelo en propiedade privada. Para que ? Para ter terra barata para instalar industrias ambiental e socialmente agresivas, como as de magaminería, ademais de proxectos como campos de golf, áreas comerciais, urbanizacións de luxo… Ademais, e iso dío claramente o lobby forestal, queren un monte ao seu servizo, que esa industria decida sobre o monte. E para iso, claro, a propiedade veciñal en man común é  un obstáculo.

 

-Describes un escenario antagónico desa ‘multifuncionalidade’ que os expertos, e non só eles, destacan que debe rexer o monte galego

 

-O que queren eses intereses dos que falamos antes é un monocultivo forestal.

 

-Os montes veciñais en man común representan máis dun cuarto do territorio galego, máis de 600.000 hectáreas. Como sacar proveito a toda esa potencialidade?

 

-Hai que ir a unha ordenación do territorio. A capacidade de decidir nestes montes é e debe seguir sendo a veciñanza comuneira. Os cambios da Lei de monte di que un monte que non estea ‘aproveitado’ pode ser incautado, eu xa digo directamente ‘roubado’. Iso é unha vergoña. Unha asemblea xeral dun monte mancomunado decide que destina parte del para pastos, outra parte para madeira e outra déixaa como está para defender o patrimonio que hai nela.  Ese monte está desaproveitado? Non, pero pode ser incautado se o Banco de Terras, mira ti que función lle dá esta Xunta ao Banco de Terras, di que esa superficie é susceptible de ser forestal e non se está a usar para iso.