Xustiza

Defensa deberá recoñecer os danos causados a unha soldado acosada

Xulgados de Pontevedra. (Foto: Xunta da Galiza)
O xuíz incide na sentenza na "temeridade e mala fe da Administración do Estado".

O maxistrado do Xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra condenou o Ministerio de Defensa a recoñecer como continxencia profesional, a efectos de determinar a remuneración que recibirá durante a súa baixa laboral, as lesións psíquicas provocadas a unha soldado polo acoso sexual e abuso de superioridade do seu superior xerárquico cando ambos estaban destinados na base militar de Figueirido, Vilaboa (comarca de Pontevedra).

O xuíz incide na sentenza na "temeridade e mala fe da Administración do Estado", ao non revogar de oficio a consideración de "enfermidade común" desas lesións psíquicas despois de que a xurisdición penal militar ditara a resolución, hai xa case un ano, sobre os feitos. 

Nesa sentenza, un tribunal militar condenou o superior xerárquico da afectada a dous anos de prisión por incorrer en "abuso de autoridade na súa modalidade de acoso sexual con lesións psíquicas", na relación de servizo que ambos prestaban nas mesmas dependencias militares de Vilaboa. 

O maxistrado declarou que a baixa por incapacidade temporal da demandante é por continxencia temporal e condena a Administración demandada a asumir "as consecuencias inherentes" a tal declaración.