A defensa das mulleres da Maruxaina confía nunha resolución "máis xusta"

Manifestación de apoio ás mulleres gravadas nas festas da Maruxaina, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O xuíz instrutor do caso das gravacións a 87 mulleres durante as festas da Maruxaina (San Cibrao) de 2019 considera que non existe delito contra a súa intimidade. As imaxes foron rexistradas na vía pública, sen o seu consentimento, para subilas máis tarde a webs pornográficas. A defensa presentou recurso e espera unha decisión máis "xusta".

O xuíz que instrúe o caso das gravacións ocultas a perto dun cento de mulleres mentres ouriñaban nun espazo retirado da vía pública durante as festas da Maruxaina de 2019, en San Cibrao, non aprecia delito contra a intimidade nas imaxes denunciadas. 

Nun auto emitido a comezos de setembro, o xuíz Pablo Muñoz Vázquez desestima o recurso presentado polo colectivo Mulleres en Igualdade de Burela ao primeiro arquivo da causa, ditado por el mesmo a mediados de marzo.

O titular do xulgado de Instrución número 1 de Viveiro expón que os feitos denunciados non constitúen un delito contra a intimidade ou o dereito á propia imaxe porque os vídeos rexistráronse na vía pública, polo que deberían ser tratados pola vía civil e non pola penal. 

Así, desestimou a denuncia por segunda vez. E  por segunda vez, Mulleres en Igualdade avanzou a presentación dun recurso. O primeiro, de reforma, é o que vén de ser rexeitado. O último, de apelación, foi interposto ante a Audiencia de Lugo, que aínda non se pronunciou.

Malia este novo revés xudicial, o colectivo mariñao di "confiar" no proceso aberto nos xulgados. "Nós, como sinalizou a Fiscalía, defendemos que se trata dun delito contra a intimidade e que alternativamente pode existir outro contra a integridade moral das vítimas, polo que esperamos que a Audiencia sexa máis xusta".

Intimidade buscada 

As imaxes sobre as que xira o caso da Maruxaina foron tomadas na vía pública e captadas con cámaras colocadas á mantenta para ese fin, de forma clandestina, para rexistrar o rostro máis os xenitais das mulleres que acudían ouriñar a unha zona oculta, afastada da festa. Ao cabo do tempo, as gravacións subíronse a páxinas web de contido pornográfico, algunhas de pago.

"O xuíz entende que non concorre o delito contra o artigo 197 do Código Penal porque non se atenta contra a intimidade das mulleres que estaban facendo as súas necesidades na vía pública polo feito de estaren na vía pública. E esta é a cuestión esencial que nosoutros discutimos", asegura a este xornal o avogado de Mulleres en Igualdade, José Manuel Olivares.

Segundo aclara, o artigo 197 protexe o dereito á intimidade, e salienta que as "peculiaridades" que concorren neste caso fan que "aínda que as mulleres ouriñaran na vía pública existía un ámbito de intimidade buscado por elas mesmas e o contexto físico así o corrobora". 

O letrado refírese ao espazo físico que, ante a ausencia de urinarios públicos na zona, as mulleres de San Cibrao escolleron, "xa por tradición doutros anos, para facer as súas necesidades". Unha zona retirada das vías públicas onde se celebra a festa e protexida, ademais, polos coches que adoitan estar aparcados.

"Estamos falando dunha vía pública pero dun ámbito onde se dá unha importante intimidade", afirma José Manuel Olivares. "E a colocación de cámaras de forma expresa para gravar as mulleres nesa actividade viola ese espazo íntimo", por máis que estea na vía pública. E incide, "o artigo 197 do Código Penal non precisa os ámbitos onde se ten que ver atacada a intimidade. Simplemente di que se hai intimidade debe ser protexida".

Operadores xurídicos consultados por Nós Diario apuntan unha redacción "difusa" ou pouco específica do Código Penal, que tende a ser "ambigua ou restritiva". Polas consecuencias punitivas que implica, sosteñen, o dereito penal non admite "interpretacións amplas". Ademais, sen restar razón á defensa das mulleres vítimas das gravacións da Maruxaina, xustifican o argumento do xuíz instrutor do caso, que non ve relevancia penal nos feitos sen prexuízo de que se inicien accións civís. "O espazo público está protexido polo dereito civil. O penal é o último ratio".

Con todo, para Olivares, non é tanto un problema de redacción como "dunha correcta interpretación, tanto do artigo como das circunstancias especiais que concorren neste caso".

A este respecto, aclaran as mesmas fontes xurídicas consultadas, os órganos lexisladores son os encargados de facer as leis, "pero a interpretación correspóndelles aos tribunais, que fixan criterios a partir dos diferentes supostos que chegan ás súas mans", polo que se trata de avanzar cara a un criterio máis "estábel".

Integridade moral

A maiores, o avogado das mulleres de San Cibrao mantén a defensa da comisión doutro delito contra a integridade moral. "O feito de que as imaxes que captaron se subiran a páxinas web pornográficas, onde algunhas seguen expostas, supón un ataque contra a dignidade das persoas afectadas", protexido polo artigo 173 do Código Penal, un delito que tamén estima a Fiscalía.

"Se é patriarcal, non é xustiza"

Desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade, o auto que arquiva por segunda vez a denuncia presentada polas gravacións clandestinas da Maruxaina de 2019 é un exemplo máis da "violencia xudicial que se reproduce cada día, con sentenzas que, lonxe de ofreceren protección, van en contra dos dereitos das mulleres".

"Se é patriarcal, non é xustiza", afirman, antes de destacar que desde hai tempo a "xustiza patriarcal" está no foco da loita feminista global. "A loita contras as violencias machistas pasou de reclamar cambios normativos a pór o foco no sistema xudicial, como responsábel último da súa impunidade e do fracaso dos avances legais".

Un paso adiante na esixencia dunha igualdade real. "Feitos como estes deberían ser considerados no só un acto contra a intimidade senón encadrarse como violencias machistas", polo que urxen unha resposta feminista en todos os niveis da sociedade, "esixindo formación e educación".