Defensa da Sanidade ve "oportunista" a folga convocada pola "elitista" CESM

12-F: Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela. (Foto: Arxina).
A asociación censura que este sindicato, ao que relaciona cos colexios médicos, "nin apoiou nin participou" dos seus actos reivindicativos.

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) considera "oportunista" a folga de facultativos convocada, con carácter indefinido, a partir do vindeiro 11 de abril pola Conferencia Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, organización á que acusa de "elitista e corporativista".

A través dun comunicado, a AGDSP destaca que a folga é un "dereito fundamental" da Constitución e ve que, entre as reivindicacións dos convocantes, si hai medidas que son "xustas e necesarias" e que buscan "acabar coa precariedade laboral". Porén, estoutro colectivo lamenta que esta folga "deixa fóra o resto de categorías profesionais" da Atención Primaria, á vez que a considera "oportunista" tras as mobilizacións sociais dos últimos meses que culminaron coa gran manifestación do 12 de febreiro en Santiago convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Ademais, esta asociación cualifica de "elitista e corporativista" este sindicato, ao que relaciona cos colexios médicos, e censura que "nin apoiaron nin participaron" nas súas reivindicacións, malia que si o fixeron "numerosos profesionais a título individual".

Críticas ás peticións

Malia que a Asociación en Defensa da Sanidade Pública ve "xustas e necesarias" algunhas das reivindicacións de CESM, como melloras salariais e de condicións laborais, así como axendas de 25 pacientes por día, insiste en que, se isto non vai acompañado do incremento de persoal, "conducirán inexorabelmente a agravar as listas de espera", que xa son "inaceptábeis".

Tamén afea a AGDSP que o sindicato propoña unha reformulación do modelo de puntos de atención continuada (PAC), cunha "reordenación que apunta ao fechamento" de centros e a "dificultar o acceso á cidadanía". Aliás, o colectivo que dirixe o doutor Manuel Martín volve censurar que CESM reivindique "acabar coa dedicación exclusiva" do persoal médico, xa que solicita ao Sergas que recoñeza o complemento específico para os facultativos que compatibilicen labores na pública e na privada.

"Esta reivindicación, xunto coa incorporación do pagamento por acto médico que tamén propoñen, abre a senda da privatización da Atención Primaria, iniciada estes días pola Xunta de Andalucía", advirte finalmente a AGDSP.

Propostas da CESM

En paralelo, esta mesma terza feira a delegación galega da CESM incidiu nas principais peticións que realiza ao Sergas de cara a esa folga a partir do 11 de abril. O obxectivo, argumenta, é "acabar co agravio comparativo" destes profesionais na Galiza con respecto a "unha decena de comunidades autónomas".

Neste senso, unha das súas principais reclamacións é a xornada de 35 horas semanais fronte ás 37,5 que hai no país, algo que xa está implantado en Andalucía, Estremadura, Castela-A Mancha, Nafarroa, Euskadi, Cantabria, Asturias, A Rioxa, Canarias e Balears", mentres que Castela e León "sumarase o próximo mes de xuño".

CESM tamén reclama "o cumprimento" do Estatuto dos Empregados Públicos no Sergas, de modo que os médicos "gocen dos días 24 e 31 de decembro", igual que o resto do persoal da Administración da Xunta. Este sindicato, que non ten representación na Mesa Sectorial, confía en que a Consellaría de Sanidade acceda a negociar estas reclamacións, que "están máis que xustificadas porque xa as gozan" noutras comunidades e outras traballadoras e traballadores públicos na Galiza.