Defensa da Ría reitera a demanda de que a illa de Tambo sexa declarada Espazo Natural de Interese Local

Illa de Tambo

Lamenta os “titubeos” ao respecto da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, da que di que agora aposta por un Plan de Usos.

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR), que fai parte da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo desde a súa constitución, vén defendendo a necesidade de dar prioridade a súa defensa ambiental, vía adoptada por unanimidade no seo da comisión desde o momento que se aprobou o traspaso da titularidade da illa ao Concello de Poio, comarca de Pontevedra.

 Así pois, indica a asociación nun comunicado, “consideramos fundamental continuar coa ruta establecida colectivamente e formalizar a creación dunha ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para Tambo”, unha figura de protección que “blinde esta xoia da nosa ría contra accións que degraden a súa maltratada singularidade, e evitar así usos indebidos que poidan entrar en colisión co espírito do prego de condicións de cesión de titularidade asinado entre a Escola Naval e o Concello”.

“Na APDR estamos convencidos de que a ENIL potenciará a Illa coma un espazo natural único, posibilitará a recuperación dun ecosistema hoxe ocupado polo eucalipto ou a acacia, e favorecerá o deleite, a observación e a aprendizaxe da natureza, deixando a acción humana nun segundo plano e, en todo caso, aprendendo dos usos tradicionais que a veciñanza de Combarro daba a Illa para sacar sustento alimentario da terra e do mar, sen alterar a súa conservación ambiental e paisaxística”.

Neste sentido, acrecentan, “non entendemos os titubeos observados agora na Comisión, que semella deixar nun segundo plano a creación da ENIL para potenciar un Plan de Usos no que, ao noso entender, existen propostas (é o caso das instalacións hoteleiras…) que entran en contradición con esta protección ambiental que reivindicamos e cos criterios establecidos no momento da cesión ao Concello”.

Na APDR indican que a figura xurídica da ENIL obriga a tomar medidas de conservación e protección de hábitats naturais, “uns hábitats que a día de hoxe están ameazados, entre outras cousas pola contaminación procedente do emisario de Ence, emprazado nas inmediacións da illa e que impide a aplicación dunha figura de protección de rango superior; e sabemos tamén que a Xunta da Galiza debe dar a conformidade a esta ENIL e decidir sobre a súa conformidade ou rexeitalo e optar pola continuidade da degradación da nosa illa. Agardemos que, nesta ocasión, aposte pola defensa do interese común fronte á defensa dos intereses particulares dunhas poucas persoas”.

A Illa de Tambo foi propiedade do Mosteiro de Poio até as desamortizacións de Mendizábal nas que pasou de maneira "indivisíbel" a mans do pobo de Combarro. Unha "longa historia de cacicadas", explicaba hai anos o fotógrafo e veciño de Marín Antonio Costa, en conversa con Sermos Galiza, levaríana a ser propiedade do político Montero Ríos, xunto con Francisco Arosa, alcalde de Poio e o notario pontevedrés, Valentín García Escudero. Posteriormente sería cedida por estes tres ao Ministerio de Defensa para a construción dunha prisión que nunca chegou a edificarse e, de novo a Montero Ríos quen a cedería finalmente á Armada, entidade que a controla "en réxime de usufructo" até a súa cesión hai pico ao Concello dePoio.