Defensa da Ría denuncia unha nova vertedura nos Praceres, Pontevedra

Lamentan a “asiduidade” de verteduras procedentes dos labores de pintado de barcos.

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) alerta da presenza “dunha importante vertedura” á altura do varadoiro de Os Praceres; en Pontevedra. “Malia as dificultades para poder observar ben as súas características, polo seu aspecto semellaba que estamos diante dun vertido de pintura que, con seguridade, ten a súa orixe nos labores realizados no propio varadoiro”.

Todo fai pensar, indica este colectivo, que se trata dun vertido procedente dos labores de pintura dalgún barco, mesmo no proceso de aplicación dalgún “antifouling”, unha tarefa coa que se persegue evitar que os organismos mariños se adhiran no seu casco e mantelo limpo.

Son as pinturas coñecidas coma “patentes”, que na meirande parte dos casos “teñen na súa composición metais pesados como o Cobre ou o Cadmio, metais que son moi perigosos para o medio ambiente natural pola súa elevada toxicidade e polo feito de se acumular ao longo da cadea trófica”.

A APDR manifesta nun comunicado que segundo as informacións recollidas entre a veciñanza da zona, estes vertidos prodúcense con relativa asiduidade, “sen que as autoridades tomen cartas no asunto, polo que desde a APDR facemos un chamado ás autoridades autonómicas con competencias nestes asuntos para que actúen con responsabilidade neste caso e eviten no sucesivo episodios semellantes, facendo recaer sobre os responsábeis as sancións que -no seu caso- sexan de aplicación”.

265 verteduras contaminantes

A Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, da que depende Augas da Galiza, informaba en setembro de que até ese mes foran rexistradas na Galiza 1.648 verteduras nas rías.

Destas verteduras, 265 están consideradas contaminantes e continúan a desaugar no mar. Pola contra, 790 atópanse dentro dos límites legais e 593  aparecen como arranxadas.

Descontando 22 verteduras contaminantes que a Administración cataloga como “en investigación”, a ría de Muros-Noia acumula o maior número deepisodios de contaminación, con 63.

A seguinte na listaxe é a ría de Arousa, na que se rexistraron 53 verteduras, seguida por Ferrol (28), Ares-Betanzos (18), Pontevedra (17), Vigo (16), Ortigueira (13), Camariñas (11), Baiona (8), Corcubión (4), A Coruña (3), Barqueiro (3), Corme-Laxe (2), Viveiro (2), Foz (1) e Cedeira (1).