Concentracións esta cuarta feira en Galiza “contra a represión” en Catalunya

A Plataforma Galiza con Catalunya denuncia que se está a “poñer en evidencia que se está aplicando o artigo 155 da Constitución de maneira encuberta”.

Esta cuarta feira terán lugar en Galiza varais concentracións para denunciar e rexeitar o operativo que se está a desenvolver en Catalunya. “Están poñendo en evidencia que se está aplicando o artigo 155 da Constitución de maneira encuberta”, afirma a plataforma Galiza con Catalunya, convocante destas mobilizacións. Por iso, reiterou, “queremos expresar a nosa máis rotunda condena a estes feitos”.

Hora e lugar:

Ferrol: 20:30 h na praza Amada García Diante do edificio da Xunta

Lugo: 20:00 h diante da Subdelegación do Goberno

A Coruña: 20:00 h diante da Subdelegación do Goberno

Compostela: 20:30 h na Praza do Toural

Vigo: 20:00 h na Farola de Urzáiz

Pontevedra: 20:00 h diante da Subdelegación do Goberno

Ourense: 20:30 horas, Subdelegación do Goberno

 

Manifestación o día 30

 

A plataforma Galiza con Catalunya -constituída por organizacións sociais, culturais, políticas e sindicais galegas en apoio ao proceso catalán- anunciou a convocatoria dunha manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro sábado día 30 de setembro, con saída ás 12:00 horas da Alameda, “en apoio á democracia e ao dereito a decidir do pobo catalán”.

 

En representación da Plataforma, Olaia Chaves sinalou que as organizacións que a conforman uníronse “por unha causa común que é a defensa dos dereitos colectivos dos pobos e a defensa da democracia”. Denunciou que se cualifique como “referendo ilegal a un acto lexítimo de expresión da democracia”

 

A preguntas dos xornalistas respecto da posibilidade de que se impida a saída da manifestación, a portavoz da plataforma lembrou que non houbo problema algún cunha manifestación de características semellantes que se fixo en Euskadi a semana pasada.O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, aclarou que xa está comunicada á delegación do Goberno e asegurou que “si ou si, o día 30 vai a haber esta manifestación á que chamamos a todas as galegas e galegos a participar”.