Defende a Galega urxe a nomear un novo director xeral da CRTVG "conforme marca a lei"

Membros do colectivo Defende a Galega (Foto: Nós Diario).

Defende A Galega esíxelle ao grupo parlamentario do Partido Popular, como forza que sustenta o goberno, que propoña un candidato á dirección xeral da CRTVG “que conte coa aprobación de dous terzos da Cámara, tal e como establece a Lei de Medios aprobada en 2011”.

Na antesala do primeiro pleno do Parlamento trala sesión constituínte da XI Lexislatura o colectivo Defende A Galega esíxelle ao grupo parlamentario do Partido Popular, como forza que sustenta o goberno, que propoña un candidato á dirección xeral da CRTVG “que conte coa aprobación de dous terzos da Cámara, tal e como establece a Lei de Medios aprobada en 2011”.

A situación de interinaxe na que se atopa o actual director xeral dos medios públicos, nomeado en 2009, “é unha anomalía provocada pola falta de vontade do PP de consensuar un candidato coa oposición, requisito ao que obriga a lexislación vixente”, din.

Á par que esixe a fin desa “ilegalidade”, Defende A Galega reclama que a escolla do novo director xeral se oriente a solventar algúns dos principais problemas que atinxen a radiotelevisión pública “e que impiden que esta cumpra coa función de servizo público para a que foi creada”.

“Esixiremos, pois, de quen ocupe a dirección xeral, que poña fin á política de desmantelamento do ente, principal causa da perda de calidade tanto dos contidos como dos formatos; que restitúa as desconexións locais da Radio Galega, un dos alicerces do servizo público que debe ofrecer; que reabra as delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña, imprescindibles na vertebración informativa do país; e que restableza o servizo lingüístico en todas as quendas horarias, esencial na función normalizadora que cumpre a CRTVG”, engaden.

Defende A Galega entende que a “deriva indigna” na que leva anos a canle pública ten como principal responsable o Partido Popular, “como formación que gobernou con maioría absoluta nos últimos 12 anos, polo que lle esiximos un cambio radical de actitude nesta nova lexislatura que comeza”.