Un dos dous menores detidos polo asasinato de Samuel ten antecedentes

Catro dos detidos pasaron a disposición xudicial na sexta feira (Imaxe: M. Dylan / Europa Press).

[Actualizada ás 14.36] A Policía Nacional detivo na sexta feira dous menores coruñeses vinculados co crime de Samuel, o mozo de 24 anos que na madrugada do sábado foi asasinado.

A Delegación do Goberno estatal anunciou pasadas as 13 horas da sexta feira a detención de dous menores vinculados co asasinato de Samuel Luiz, o mozo da Coruña de 24 anos asasinado na madrugada do sábado ao berro, segundo testemuñas, de "maricón de merda, ímoste matar".

Pola idade dos detidos será o Xulgado de Menores e non o de Instrución número 8 quen se encargue das declaracións.

Segundo o delegado do Goberno español, José Miñones, un dos dous menores ten antecedentes penais. Á pregunta de se participaron activamente na malleira, afirmou que "se están detidos é porque se prevé que tamén sexan participantes dos actos". Mais matizou que "na toma de declaración e nos interrogatorios verase o grao de implicación".

As imaxes que transcenderon na sexta feira amosan que Samuel foi agredido en dúas ocasións e que foi perseguido polos seus agresores até a entrada da avenida de Bos Aires, onde recibiu os golpes que acabaron coa súa vida.

Estes dous menores detidos, que se coñecen entre eles, súmanse aos catro arrestados -tres homes e unha muller de entre 20 e 25 anos- que na mañá da sexta feira pasaron a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, de garda na sexta feira.

Os catro detidos están prestando declaración ao longo do día nos Xulgados, aos que accederon por quendas, encapuchados.

De momento transcenderon unhas palabras do avogado dun dos detidos -ao que tamén se lle acusa de subtracción ilegal, por collerlle o móbil ao asasinado-. O letrado, José Ramón Sierra, que foi o avogado inicial de José Ignacio Abuín, coñecido como Chicle, autor do asasinato de Diana Quer, sinalou que "o meu cliente declarou en comisaría porque os inocentes declaran sempre. É inocente".

Ao saír dos xulgados, Sierra foi interpelado por un grupo de persoas que lle pediron que "abandone o caso", como xa fixo no caso do Chicle.

Concentración esta fin de semana na Coruña

Por outra banda, diferentes colectivos e asociacións convocan para este domingo, día 11, unha manifestación nacional na Coruña baixo o lema “Ante o odio e a violencia, non mostres indiferencia: xustiza para Samuel”.

Será a partir das 19.30 horas, con saída da Praza da Palloza e remate en María Pita. Entre as convocantes atópanse Avante LGBT+, Amizando, Abrir Fenda, Casco, Coruña Antifascista, LES Coruña e Gotas.