O avogado dun dos detidos polo asasinato de Samuel foi o letrado inicial do Chicle no caso Diana Quer

Un dos detidos, á chegada aos xulgados da Coruña (Imaxe: M. Dylan / Europa Press).

Os catro detidos -tres mozos e unha moza- como presuntos autores do crime de Samuel, o mozo coruñés que na madrugada do sábado día 3, perdeu a vida após unha malleira, atópanse en sede xudicial desde a mañá desta sexta feira.

Ao redor das 10 da mañá da sexta feira, os mozos -tres homes e unha muller de entre 20 e 25 anos dos que non transcenderon as iniciais, dado o segredo do sumario- chegaron ao Xulgado de Instrución nº1 da Coruña en dous coches e un furgón.

Nunha primeira quenda entraron no xulgado dous dos acusados polo asasinato do mozo Samuel Luiz, encapuchados e con suadoiro negro. Poucos minutos máis tarde, no furgón, o terceiro home e a muller, ambos tamén encapuchados.

Está previsto que ao longo do día presten declaración ante a xuíza de garda.

“O meu cliente é inocente”

José Ramón Sierra, avogado defensor do último detido polo crime de Samuel, afirmou na sexta feira, segundo Europa Press, que o seu cliente é "inocente".

O defendido por Sierra está investigado por homicidio e por un delito de apropiación indebida por quedar co teléfono do falecido. "O meu cliente declarou en comisaría porque os inocentes declaran sempre. É inocente", afirmou Sierra, que explicou que o seu defendido acudiu a declarar ante a Policía Nacional "voluntariamente e como testemuña", tras o que foi investigado e, posteriormente, arrestado.

O avogado asegurou que o seu defendido non participou "nin no linchamento nin no que está considerado como homicidio". "Este paso a disposición xudicial paréceme un erro porque é inocente", sinalou o letrado.

"Abandone o caso"

Ao saír dos xulgados, Sierra foi interpelado por un grupo de persoas que lle pediron que "abandone o caso", como xa fixo no caso do Chicle -Sierra, un dos máis coñecidos letrados da Coruña, foi o primeiro avogado defensor de José Ignacio Abuín, asasino da nova Diana Quer-.

"Que a túa conciencia non che permita defender eses asasinos", gritou o grupo, que seguiu repetindo os cualificativo "asasinos" tras abandonar a zona o letrado.

"Maricón de merda, ímoste matar"

A contorna de Samuel e testemuñas da agresión apuntan á motivación homófoba da mortal agresión. As autoridades non a desbotan mais piden "tempo" para que avance a investigación.

Nos relatos de testemuñas a diferentes medios hai sempre unha constante: os agresores non paraban de repetir “maricón, imos matarte”, “maricón de merda, ímoste matar”.

Os testemuños que transcenderon sobre a malleira mortal -que nun principio comezaría por un malentendido ao crer o primeiro dos agresores que Samuel o estaba gravando cun móbil co que, en realidade, realizaba unha videochamada- provocaron indignación na cidadanía, que a pasada terza feira se botou á rúa contra a homofobia e para pedir xustiza.

O debate ao redor da homofobia como factor do asasinato chegou tamén á esfera política. Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, cargou contra a "equidistancia" do presidente da Xunta, mentres que Alberto Núñez Feixoo rexeita cualificar o crime de homófobo. Á vez, o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñones, apela á prudencia e segue sen descartar ningunha vía.