Xustiza

Declaran ante o xuíz outras 20 vítimas da Maruxaina e reclaman que se "axilice" o proceso

Manifestación de apoio ás mulleres gravadas nas festas da Maruxaina, en abril de 2021. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Audiencia de Lugo ordenou a reapertura do caso o pasado mes de novembro. Hai máis de cen mulleres afectadas e aínda non transcendeu ren sobre o sospeitoso de facer as gravacións.

Unha vintena de mulleres que foron vítimas de gravacións cando ouriñaban na rúa durante a festa da Maruxaina, no municipio de Cervo, en 2019 —unhas imaxes que chegaron a ser publicadas en páxinas web pornográficas—, acudiron esta sexta feira ao Xulgado de Viveiro para prestar declaración ante o xuíz instrutor.

A presidenta da Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela —que acode como acusación popular—, María del Mar Fraga, confirmou que "máis ou menos" arredor dunha vintena de mulleres foran citadas a declarar nesta xornada.

"Seguimos avanzando aos poucos. Esperamos que a partir de agora se axilice un pouco máis o proceso de declaración porque hai moitas mulleres que desexan contar ao xuíz o que lles ocorreu e quedar tranquilas. Isto prodúcelles estrés e cando antes o pasen, mellor", apuntou.

Fraga constatou que das cen mulleres vítimas das gravacións xa só queda "unha cuarta parte" para prestar declaración ante o xuíz de Viveiro que leva esta investigación. Tamén advertiu que lle consta "que as mulleres que van declarar por videoconferencia e que viven fóra aínda non foron citadas". "Pero vista a chamada a este grupo de mulleres isto pode indicar que a cousa se vai axilizar", precisou.

Ren sobre os sospeitosos

A continuación, puntualizou que "non" teñen aínda "ningunha noticia" sobre o sospeitoso ou os sospeitosos de gravar as devanditas imaxes durante a tradicional festa no municipio de Cervo.

"Supoño que no proceso téntase que non transcenda o que están a investigar. A nós non nos chega información e entendémolo porque se ás veces che contan como vai a investigación pode resultar contraproducente. Entendemos que se proceda así", subliñou.

María del Mar Fraga finalmente queixouse da "lentitude" da Xustiza, após tres anos e aínda en fase de toma de declaracións.