Declarados cinco novos focos de enfermidade hemorráxica (EHE) epizoótica na Galiza

Dúas vacas nunha leira no concello de Baleira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Nos 13 focos notificados pola Xunta da Galiza até a data, noutras tantas comarcas veterinarias do país, até o momento rexistraron a morte de 10 vacas por mor da EHE.

A Xunta da Galiza declarou cinco novos focos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en explotacións bovinas do país.

Así, segundo detallou o Executivo galego, no concello da Mezquita (comarca de Viana) detectaron un, nos concellos de Guitiriz e A Pastoriza (Terra Chá) e Taboada (comarca de Chantada); e o primeiro foco da no concello de Vila de Cruces (O Deza).

Salvo no caso da explotación de Guitiriz, con catro bovinos afectados, no resto de casos só un animal do total dos bovinos presentes na explotación presentaba sintomatoloxía compatíbel coa enfermidade.

Nos 13 focos notificados pola Xunta da Galiza até a data, noutras tantas comarcas veterinarias do país, até o momento rexistraron a morte de 10 vacas por mor da EHE.

Ante isto, a Xunta sinalou que esta é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente mediante a picadura de mosquitos do xénero Culicoides.

Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente.

De abril a decembro

Por tanto, existe un período de posíbel afectación dos animais -aproximadamente de abril a decembro- e outro, nos meses de inverno, nos que, ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a mediante a picadura de mosquitos transmisores, polo que non é posíbel a transmisión directa ou indirecta entre eles. Polo que, o goberno galego aclarou que esta doenza non afecta as persoas, nin pola picadura, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal de exemplares afectados.