Declarado un novo incendio na antiga nave de Massó en Cangas, o segundo en menos dunha semana

A antiga nave de Massó, en Cangas, antes do incendio. (Foto: Concello de Cangas)
Os primeiros indicios apuntan á intencionalidade do lume.

Un novo incendio rexistrado na antiga nave da conserveira Massó, en Cangas (O Morrazo), calcinou material almacenado dentro das instalacións, que se atopan tapiadas desde hai meses e que xa sufriron outro lume a semana pasada. Segundo informou a central de emerxencias do 112-Galiza, foi sobre as 22.20 horas desta pasada segunda feira cando se tivo constancia das chamas, a través dun particular que alertou do incidente.

Nese momento, os xestores de emerxencias avisaron aos Bombeiros do Morrazo, á Garda Civil, á Policía Local e aos membros de Protección Civil. Ademais, tamén se informou aos Bombeiros de Vigo, por se fose necesaria a súa intervención.

Horas despois, os efectivos comunicaron que o lume xa estaba totalmente extinguido e que ardera algún material almacenado dentro da nave, maioritariamente cartón e palés, sen que houbese que lamentar danos persoais.

Con todo, fontes de Protección Civil informaron a Europa Press que o lume volveu reavivarse esta mañá, polo que os servizos de emerxencia acudiron de novo á planta e atópanse na actualidade tratando de apagar as chamas. As mesmas fontes aseguraron que a principal hipótese apunta a que se tratou dun incendio intencionado, xa que as instalacións non teñen corrente nin actividade e o clima era chuvioso.

Este fogo prodúcese apenas unha semana despois doutro incendio en Massó, que calcinou as oficinas da nave. Ademais, no mes de agosto rexistrouse un suceso similar na gardaría anexa á planta.