Declarado improcedente o despido da traballadora do Junior´s que ía ser candidata pola CIG

O xulgado do Social número 1 de Compostela ditaminou tamén, explica o sindicato, que a Fundación Junior´s, "na órbita do Opus Dei", debe indemnizala e pagarlle toda a débeda de salarios atrasados.

A inicios de 2019 o colexio Junior´s, en Compostela, despedía por motivos disciplinarios unha traballadora, con 22 anos de antigüidade, que ía presentarse como candidata da CIG nas eleccións sindicais. Unha medida coa que, afirma o sindicato, “pretendía amedrentar as traballadoras”, que denuniaban a situación “irregular” que se daba neste colexio, con impagamentos e irregularidades contractuais.

A CIG-Ensino parabénizase pola sentenza favorábel. O auto xudicial pon de manifesto, indica a central, “a falta de veracidade dos feitos que se consignan na carta extintiva e que a redacción do documento é abstracta e inconcreta”. A improcedencia do despido leva aparellada a condena á empresa ao abono dos salarios de tramitación desde a data de efectos do despido ata a da resolución, (198 días). Ademais deberá pagarlle unha indemnización e os salarios que lle adebedaba antes do despido.

Entramado de empresas

A sentenza tamén estima as sospeitas da CIG-Ensino a respecto de que a Fundación Junior´s fai parte dun grupo empresarial, con distintas ramificacións, a efectos laborais. De feito a demandante tivo contratos con catro empresas diferentes durante a súa vinculación laboral co centro: Colegio Junior´s SL, Junior´s Servicios Integrales SL, Fundación Junior´s CAESGA e Diego Rosales, algunha delas con obxectos sociais tan peculiares como “actividades de hostalaría e restauración, adquisición de bens inmóbeis e publicación de libros”.