Xuízo do Alvia

Declara o xefe de maquinistas que alertara de "anomalías": "Nunca vira un salto de 200 a 80 quilómetros por hora"

O xefe de maquinistas, José Ramón Iglesias Mazaira. (Foto: Europa Press)
José Ramón Iglesias Mazaira redactou en 2011 un informe no que xa advertía da falta de sinalización na liña ferroviaria nun treito, o da curva da Grandeira —onde descarrilou o tren—, no que se pasaba "de 300 a 80 quilómetros por hora de forma brusca, sen aviso previo e sen o amparo do ERTMS".

Esta quinta feira declara no xuízo polo accidente do Alvia o xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira, autor dun informe que advertía do "risco" e pedía sinais para alertar sobre a curva da Grandeira, onde descarrilou o tren.

A desta quinta será a sexta xornada após retomarse o xuízo esta terza feira coa declaración dunha decena de policías e proseguir na cuarta coas comparecencias do interventor que fixo a chamada ao maquinista, o condutor que levou o convoi até Ourense, un mecánico e un empregado de seguridade que viaxaban no tren. Todos eles falaron en calidade de testemuñas.

Con anterioridade foron interrogados o maquinista, Francisco Garzón, e o ex xefe de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, ambos os dous no banco dos acusados por imprudencia profesional grave por 80 supostos delitos de homicidio e 145 de lesións, así como un de danos.

Como nestes dous días anteriores, é previsíbel que ningún dos dous estea presente na sala, tendo en conta que así o autorizou a titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, unha vez terminadas as súas declaracións. De feito, Garzón xa non estivo presente durante a comparecencia de Cortabitarte.

Mazaira afirmou na súa declaración na sexta xornada do xuízo, que comezou esta mesma mañá, que viu "ese chanzo moi importante de velocidade" nunha liña en que "os sinais non obrigan [o maquinista] a ningún tipo de restrición" en apenas un mes, por iso deu o aviso aos seus superiores. "Parecíame importante lembrarlle na vía ese cambio de velocidade", destacou.

Ao mesmo tempo, subliñou que "non vira nunca" un salto "moi importante de velocidade", de 200 a 80 quilómetros por hora, nun punto "onde se podía dividir a atención" do maquinista.

Veciñanza e o xefe da estación de Santiago

Para esta quinta feira tamén están citados pola xuíza, Elena Fernández Currás, dous veciños que foron os que auxiliaron nun primeiro momento o maquinista. De cumprirse o calendario fixado pola maxistrada, a xornada completarase coas palabras do xefe de circulación da estación de Santiago.

O aviso, ano e medio antes

Iglesias Mazaira, a cuxo aviso fixo alusión esta cuarta feira o maquinista que levou o tren até Ourense, declarou no seu día —en 2014— ante o xuíz instrutor da causa e tamén na comisión de investigación sobre o sinistro no Congreso —en 2018—, onde asegurou que tramitou "de forma impecábel" o informe que redactara un ano e medio antes de que ocorrese o accidente, no que falaba dunha serie de anomalías na vía.

A traxedia produciuse hai máis de nove anos, o 24 de xullo de 2013, e o proceso xudicial trata de determinar agora se o maquinista e o ex directivo de Adif son responsábeis do sinistro.

Descenso "brusco" de velocidade

Segundo o escrito presentado en 2014 polo avogado do maquinista, Iglesias Mazaira enviou en decembro de 2011 ao seu superior —o xefe de Produción e Medios da Xerencia de Mercado Norte de Renfe— un informe no que alertaba de "anomalías" na nova liña de alta velocidade Santiago-Ourense.

Entre elas, advertía do "brusco" descenso da velocidade, "sen aviso previo", na curva de Angrois. Por iso, o xefe de maquinistas pedía medidas de seguridade neste tramo, como limitacións permanentes de velocidade a 80 quilómetros por hora.

"Parece importante a respecto do momento anterior estudar a posibilidade de solicitar a implantación en vía de sinais de limitación permanente a 80 quilómetros por hora, que poderían facilitar o cumprimento das velocidades máximas", apuntaba Iglesias Mazaira.

Previamente, relataba como a liña Ourense-Santiago conforma "unha transición descendente por infraestrutura da velocidade máxima, que pasa de 300 quilómetros por hora a 80 quilómetros por hora dunha forma brusca, sen un aviso previo por sinalización da vía e sen o amparo do ERTMS".

Esta transición de velocidade, subliñaba, ocorre "nunha zona de máxima atención e de risco pola citada transición de sistemas e pola sinalización lateral que hai que respectar". "Unicamente existe un sinal de velocidade descendente (PTO) á altura do punto quilométrico 84.230, pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade, nada se poderá facer xa", advertía.