Xustiza

Declara ante o xuíz un ex alto cargo da Xunta por "falsidade documental" en San Finx

Ángel Bernardo Tahoces foi o máximo responsábel de Enerxía e Minas da Xunta até 2020. (Foto: Europa Press)
Tahoces comparecerá esta quinta feira nos Xulgados de Santiago polas presuntas irregularidades cometidas cando el estaba á fronte de Enerxía e Minas dentro do organigrama da Xunta da Galiza.

Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas do Goberno galego entre 2009 e 2020, comparecerá contra as 12.15 horas desta quinta feira nos Xulgados de Santiago en calidade de imputado no caso das "irregularidades" na mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia) que denunciaron a Confraría de Noia, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia. Tahoces está a ser investigado pola presunta comisión de varios delitos de falsidade documental relativos a este proxecto e, canda el, están citados a declarar ante o xuíz outros dous cargos do departamento que dirixía na Xunta.

O caso abriuse a raíz dos "numerosos informes asinados polos imputados que contiñan información falsa sobre diversos aspectos" e que terían a ver co desenvolvemento desta explotación mineira. Desde as entidades demandantes e personadas como acusación popular salientan que os documentos en cuestión "pretendían beneficiar a empresa concesionaria tentando facer pasar a presa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándoa cun muíño de millo".

Isto, insisten, a pesar de que a citada presa, "de 50 metros de largo e 14 de alto, construída pola empresa mineira en 1939 como depósito de lodos, apareceu nos plans oficiais de labores até que se deixaron de presentar no ano 2000".

O anuncio chega logo de que o pasado mes de abril a Audiencia Provincial estimase un recurso de apelación da propia Confraría contra a decisión dun xulgado de Santiago de arquivar as dilixencias penais polas que previamente fora imputado Tahoces, polo que a causa quedaba aberta de novo. E despois, tamén, de que Augas da Galiza  constatase o pasado mes a presenza de niveis de cadmio "78 veces máis altos" que os valores permitidos nas augas lindeiras á mina.

Aliás, esta non é a única causa aberta contra San Finx, pois os Xulgados de Santiago estudan outra denuncia contra funcionarios e altos cargos de Augas da Galiza por "malversación, prevaricación e falsidade" e, en paralelo, os de Noia instrúen un proceso por delitos medioambientais contra a empresa.