Xustiza

Citado a declarar como imputado o ex director de Minas da Xunta por presuntas irregularidades en San Finx

Ángel Bernardo Tahoces foi director xeral de Minas entre 2009 e 2020. (Foto: Europa Press)
A Confraría de Noia vén de notificar, a través dun comunicado, a citación xudicial "en calidade de imputado" a Ángel Bernardo Tahoces, responsábel de Enerxía e Minas durante os gobernos de Feixoo (2009-2020), e mais outros cargos da Administración, acusados de "falsidade documental" no relativo á explotación mineira. Terán que comparecer nos xulgados de Santiago o 21 de setembro.

O que fora o máximo responsábel de Enerxía e Minas do Goberno galego entre 2009 e 2020, Ángel Bernardo Tahoces, deberá comparecer "en calidade de imputado" nos xulgados de Santiago por mor da presunta comisión de varios delitos de falsidade documental relativos á mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), segundo vén de dar a coñecer a Confraría de Pescadores de Noia. Esta entidade, canda Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, está persoada como acusación popular nesta causa penal.

No mesmo auto, salientan, convócanse tamén os outros imputados no caso, o xefe do servizo de Enerxía e Minas na Coruña e un dos funcionarios do mesmo departamento. A comparecencia en sede xudicial será o vindeiro 21 de setembro, no marco da denuncia interposta polos "numerosos informes asinados polos imputados que contiñan información falsa sobre diversos aspectos" que terían a ver co desenvolvemento desta explotación mineira.

Estes informes, aseguran desde a Confraría, "pretendían beneficiar a empresa concesionaria tentando facer pasar a presa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándoa cun muíño de millo". Isto, insisten, a pesar de que a citada presa, "de 50 metros de largo e 14 de alto, construída pola empresa mineira en 1939 como depósito de lodos, apareceu nos plans oficiais de labores até que se deixaron de presentar no ano 2000".

O anuncio chega logo de que o pasado mes de abril a Audiencia Provincial estimase un recurso de apelación da propia Confraría contra a decisión dun xulgado de Santiago de arquivar as dilixencias penais polas que previamente fora imputado Tahoces, polo que a causa quedaba aberta de novo.

Desde a Confraría inciden tamén ao respecto en que Augas da Galiza "recoñeceu que en caso de colapso os residuos mineiros almacenados causarían un importante impacto ambiental augas abaixo, estando a tan só 7 quilómetros da ría de Noia", de grande importancia polos seus recursos pesqueiros. "Evitando recoñecer que se trataba dunha presa de residuos mineiros os imputados terían tentado evitar as responsabilidades da empresa concesionaria, que tería que facer fronte a unha restauración valorada en varios millóns de euros, e danos multimillonarios en caso de colapso e afectación ás zonas de marisqueo na ría", reiteran.

Esta non é a única causa elevada a instancias xudiciais polos pescadores noieses, pois o pasado mes de maio os xulgados de Noia acordaron abrir dilixencias, ao abeiro doutra denuncia desta Confraría e mais a de Portosín, pola suposta comisión de delitos contra o medio ambiente a raíz das "verteduras ilegais" que tería realizado a compañía mineira, Tungsten San Finx, filial da mineira australiana Pivotal Metals.

Aliás, a Confraría de Noia está persoada como acusación popular nun outro procedemento investigado tamén polos xulgados de Santiago no que se acusa catro funcionarios e altos cargos de Augas da Galiza dos presuntos delitos de malversación, prevaricación e falsidade documental.