Unha decena de denunciados por varias infraccións nunha 'quedada' de coches en Lugo convocada por redes sociais

A 'quedada' foi na Av. Infanta Elena de Lugo (Foto: Google Maps)

A maioría foron denunciados por exceso de velocidade, nunha vía limitada a 50 km/h

A Policía Local de Lugo identificou e denunciou unha decena de condutor por diferentes infraccións no marco dunha 'quedada' de coches, que foi convocada por redes sociais na cidade de Lugo.

Segundo informaron fontes policiais, após ter coñecemento dese encontro, que tivo lugar na zona de Avenida de Infanta Elena, a Policía Local estabEleceu un dispositivo especial de control, con vehículos rotulados e outros camuflados.

Neste dispositivo os axentes formularon 6 denuncias por exceso de velocidade, sendo a velocidade máxima captada de 93 km/h nunha vía limitada a un máximo de 50 km/h.

Así mesmo, denunciouse  un condutor con condución neglixente, e outros dous foron identificados e denunciados por ter a ITV sen presentar en prazo. A eles súmase outro condutor interceptado por unha infracción relacionada coa iluminación.

Por outra aparte, noutros controis de tráfico, foron interceptados dous condutores que superaban o límite penal de alcoholemia permitido e que foron denunciados por supostos delitos contra a seguridade viaria, á vez que se inmobilizaron os seus vehículos.

Ademais, outro catro condutores foron denunciados, neste caso por infraccións administrativas, xa que deron positivo por alcoholemia pero sen chegar a superar o límite penal.

A Policía Local de Lugo tamén informou dun accidente rexistrado na noite do sábado, no polígono das Gándaras. Alí, o condutor dun camión porta-vehículos saíuse da vía e impactou contra dous turismos estacionados. Cando os axentes identificaron o camioneiro constataron que presentaba signos de embriaguez, unha sospeita que se confirmou ao facerlle a proba de alcoholemia, que arroxou un resultado positivo de 0,64 mg/l.